Estratexia política do BNG para axilizar no Congreso a transferencia da AP-9 e abaratar a peaxe

Ana Pontón en rolda de prensa na sede nacional BNG

O BNG diríxese a todas as forzas políticas galegas e a todos os deputados e deputadas elixidas por Galiza no Congreso para axilizar a transferencia da AP-9, como ben de reclamar o Parlamento autonómico a través dunha lei aprobada por unanimidade a proposta do Bloque.

Pero ese texto lexislativo pode tardar ata catro anos en ser debatido na Cámara baixa polo procedemento ordinario, que pode reducirse a tres meses se un grupo parlamentario asume como propia esa demanda e a presenta para o seu debate e aprobación en forma de proposición de lei.

“Esa transferencia sería o primeiro paso para acabar coas abusivas peaxes que converten a AP-9 nun artigo de luxo para a maioría dos galegos e galegas, que non poden agardar tres o catro anos ao debate e aprobación no Congreso da transferencia que pedimos no Parlamento”, explica a portavoz nacional, Ana Pontón.

Para conseguila o máis pronto posible esta iniciativa de “impulso”, que o BNG remite por carta a todos os responsables das forzas políticas, incluído Feijoo, así como a todos os deputados e as deputadas electas por Galiza, “para que asuman colectivamente a defensa desta transferencia no Congreso e conseguir que neste período de sesións se debata a transferencia da AP-9”, argumentou Pontón.

Esta proposta permitiría igualmente “certificar” a coherencia co voto xa expresado na Cámara do Hórreo. “Confiamos que non volvamos ver a vergoña de que iniciativas aprobas polo Parlamento galego logo son votadas en contra por forzas estatais”, expresou a dirixente nacionalista.

Como argumentos para esta urxencia, Pontón cita os 300.000 euros diarios que se deixan os usuarios da AP-9, ou os 2.400 millóns de euros que leva ingresados Audasa e que terían permitido, por exemplo, ter unha rede de cercanías en funcionamento.

“Esperamos que todas as forzas políticas estean á altura e que os intereses dos galegos e das galegas pesen sobre calquera estratexia de partido, porque non se entende que paguemos as peaxes máis caras soportando salarios máis baixos. É hora de acabar con esta estafa e non de cruzarnos de brazos a esperar”, argumentou a tamén deputada. O BNG considera ademais que é un momento idóneo para debater esta demanda “porque non hai maiorías absolutas de bloqueo” en Madrid.

Adianto electoral

En relación ao contexto electoral e de formulación de candidaturas, Pontón respondeu a preguntas dos medios que son as diferentes forzas políticas as que deben facer as súas propias escollas.

Ao marxe das cabezas de cartel electoral, “no BNG temos moi claro que o inimigo político, o adversario a derrotar é o PP e as súas políticas de recortes”, subliñou, “por iso iniciamos un proceso de refundación que nos permita recuperar pulso social e electoral e ser claves na derrota dun PP que, alén da propaganda, deixa paro, emigración, precariedade e perda de peso político do país”.

Pontón indicou que na formación nacionalista “traballamos claramente coa hipótese dun adianto electoral do PP ao 26 de xuño”, -data dunha posible repetición das xerais-, e avanzou que o Consello Nacional deste 9 de abril prevé aprobar o cronograma para a elección do candidato/a á Presidencia da Xunta por parte da militancia.

“Se me vou postular é a pregunta que máis veces me teñen formulado os medios desde que asumín a responsabilidade de ser portavoz nacional, que é o que agora ocupa os meus esforzos. Deixemos que o BNG abra o proceso antes de falar de candidatarse”, pediu Pontón.