Imprimir

Olalla Rodil: "O PP pecha colexios públicos mentres dá 2 millóns de € para centros privados-concertados"

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 11 de Xullo de 2017

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Denuncia que o conselleiro de Educación actuou con aleivosía e agochou información para evitar a mobilización, e pide a súa dimisión

A portavoz parlamentaria de Educación Olalla Rodil denuncia que o peche de colexios supón un novo recorte no ensino público por parte do goberno do PP, ao tempo que continúan drenando recursos para o ensino privado-concertado, hoxe mesmo 2M€ adicionais tras aprobar en solitario unha modificación dos orzamentos de 2017.

“Debería explicarlles ás familias afectadas por que mentres a elas lles pechan o centro para optimizar inxectan 2M ao ensino privado-concertado, que se suman aos 1.550 que lles entregaron ata o 2023, incluíndo aos centros que discriminan por razón de sexo. Aí non hai límites, non hai axustes, non hai optimización de recursos”, salientou Rodil.

O Bloque criticou o escurantismo e a ocultación de información por parte da Xunta sobre o peche e recortes nos centros afectados, co único fin de evitar a mobilización social. “Actuaron con premeditación, con aleivosía e de maneira déspota dicindo que non avisaran até a véspera do fin de curso para non causar estres ás crianzas”, indicou a deputada, “pero o que lle preocupaba era salvar a súa cara avisando o día antes para evitar a mobilización”

A portavoz de Educación chamou a atención sobre estes novos recortes. “Despois de que pecharan os centros de ensino que podían xustificar pola perda de matrículas, agora van por centros que contan con alumnado suficiente e desenvolven a súa actividade con éxito e teñen programas recoñecidos para o alumnado con necesidades de atención específica”, explicou Rodil.

Na súa intervención a deputada nacionalista reclamoulle ao conselleiro menos prepotencia e máis diálogo para rectificar, e lembroulle que a súa comparecencia na Cámara veu precedida da presión dos país e das nais do alumnado afectado, “vostede está aquí porque o trouxo a dignidade destas familias”, concluíu.

Podes ver este artigo na próxima dirección http://www.bng.gal/articulo/novas/olalla-rodil-pp-pecha-colexios-publicos-mentres-da-2-millons-%E2%82%AC-centros-privados-concertados/20170711183710020430.html


© 2017 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: sedenacional@bng.gal
Teléfono: 981555850