O portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) denunciou hoxe no Parlamento que a Consellería de Medio Ambiente publicou unha resolución o día 30 de novembro establecendo 10 días para que as persoas afectadas por danos provocados polo xabaril e o lobo poidan acceder a axudas destinadas a implementar medidas preventivas. Sen embargo, dixo, estes 10 días “redúcense a 6 para tramitar a merca, pago, identificación e certificado dos investimentos que xustificarán a axuda”.
Por segundo ano, explicou, Rivas Cruz, convocáronse as axudas ás que se acolleron máis de 1.200 persoas o que demostra, ao seu xuízo. “a grande demanda para sistemas de prevención no sector gandeiro”.
Para o nacionalista, unha vez máis, a consellería amosa “unha mala planificación” que está a causar que o problema se cronifique e os habitantes do medio rural e a propia fauna sexan os grandes damnificados.
Rivas reclamou “prorrogar o prazo da resolución” pero sobre todo, “escoitar ás persoas afectadas” para tomar nota do acontecido e que nos próximos anos, a convocatoria para implantar medidas preventivas contra os ataques do lobo e o xabaril conte cun mínimo de tres meses para poder programar de maneira adecuada a compra de “cadelos de raza mastín”.
Ademais, instou á titular de Medio Ambiente, Beatriz Mato a reunirse co sector agrogandeiro e entidades que defenden a actividade humana e a fauna salvaxe no rural porque a política contra os ataques do lobo e o porco salvaxe non pode ser “o tiro e o lazo”. Os expertos, dixo o nacionalista deben ser consultados sobre esta problemática para avanzar no camiño de alternativas e no marco lexislativo actual en materia de convivencia coa fauna salvaxe.
“Hai que retomar as axudas específicas polos danos do porco bravo e “ tomar todas as medidas necesarias para facilitar a xestión da fauna salvaxe para controlar os ataques contra a actividade agrogandeira”.
O Partido popular presentou unha emenda á iniciativa nacionalista que Rivas Cruz (Mini) rexeitou por considerar que non aportaba ningunha mellora ao texto nin mudaba a actual situación para beneficiar ás persoas afectadas polos ataques do lobo e xabaril coa ampliación de prazos para acceder ás axudas como reclamaba o BNG.