O BNG pide acabar co veto político do PP á transferencia da AP-9 e unha auditoría dos servizos de AUDASA

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará reclama “unha auditoría” dos servizos da concesionaria da AP-9 e acusa ao PP de  ser “cómplice e colaborador” para beneficiar á empresa responsable da estafa das peaxes

O parlamentario do BNG, Luís Bará, reclamou hoxe ao Partido popular romper “o veto político” contra a transferencia da AP-9, porque dende o BNG, afirmou “non imos renunciar a esta transferencia” nin a seguir traballando para conseguir rematar “coa estafa das peaxes”.

A través dunha proposición non de lei, o deputado nacionalista reclamou unha auditoría sobre os servizos da concesionaria da AP-9 e unha comisión de investigación sobre as obras de ampliación da ponte de Rande  e  convenios asinados entre o Goberno central e AUDASA”.

Bará afirmou que o Partido popular galego colocase  “ao  lado de AUDASA e da súa conta de resultados”. Neste sentido, lembrou que AUDASA leva recadado máis de 1.600 millóns de euros e ata o ano 1948, ingresará “9.500 millóns de euros” o que cualificou de “aldraxe” e estafa a todos os galegos e galegas.

Por outra parte, criticou as afirmacións do ministro de Fomento nas que declara que a “AP-9 non se traspasa porque é do Estado”. Para Bará, as afirmacións de Iñigo de la Serna constatan as “prorrogas” do goberno á concesionaria da AP-9 o que cualificou  de “novo roubo” e non precisamente do ouro de Rande, ironizou. O deputado criticou que sexan destinados  4.500 millóns de euros para o  rescate das radiais madrileñas  tamén porque tamén as “pagaremos todos  os galegos e galegas”, sen embargo para transferir a AP-9 a Galiza “non hai un duro”.

O BNG, remarcou, non renuncia  a conseguir “a transferencia da AP9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes”.

Bará reiterou que foi o veto do Partido popular o que  impediu a transferencia da Ap-9 e o PP en pleno,  asistiu  á  inauguración das obras de ampliación da ponte de Rande pero despois non respecta os acordos parlamentarios para arranxar os efectos das obras inauguradas por Mariano Raxoi sobre as parroquias de Teis e Redondela.

Na súa intervención, o nacionalista exhibiu dende a tribuna  unha bandeira pirata para denunciar o roubo das peaxes na AP-9. “Funcionan como verdadeiros corsarios” e contan coa complicidade do goberno galego e central, para as súas feitorías,  concluíu.

O PP solicitou  ao BNG votar a iniciativa nacionalista  por puntos, votación que se producirá na sesión de mañá durante a xornada matinal.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG