- A deputada do BNG, Olalla Rodil tamén criticou os premios concedidos polo concello de Vigo a dous centros educativos “segregacionistas”, na categoría de vigueses distinguidos e reclamou a retirada do recoñecemento
Trala comparecencia da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella en comisión parlamentaria, a deputada do BNG, Olalla Rodil manifestou, ante os medios de comunicación, que unha das preguntas nas que o BNG insistiu era coñecer a posición do seu departamento ante a orde de concertos con centros educativos. Parécenos “inadmisible”,a firmou, que se retiren os criterios de igualdade na actual orde que figuraban na anterior convocatoria.
Para a deputada, a Xunta, “non pode gabarse do primeiro plan en igualdade en Educación” e despois “suprimir os criterios de igualdade e aumentar as unidades “de centros segregacionistas” e aumentar de catro a seis anos os fondos públicos.
Neste sentido, aludiu á proposición non de lei rexistrada polo BNG que debido aos “tempos paquidérmicos desta Cámara”, ironizou, non poderemos debater ata a vindeira sesión plenaria na que solicitaremos “derrogar esta orde” así como a eliminación dos fondos públicos do ensino privado concertado e, ademais, tamén reclamaremos que se busque un plan de “realoxo” na escola pública para este alumnado. En Galiza, recalcou a nacionalista, temos capacidade para manter un ensino público de calidade e o que non ten sentido, dixo, é “financiar con cartos públicos centros segregacionistas” que atentan contra principios de igualdade.
Rodil cualificou de “lamentable” que a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, eludira, “ata en dúas ocasións” responder sobre as preguntas formuladas polo BNG.
Por outra parte, a parlamentaria cualificou de “colmo do absurdo” que o concello de Vigo distinga cun premio a dous centros que segregan ao alumnado por razón de sexo polo que reclamou a retirada da devandita distinción aos centros que segregan a mulleres e homes e que atentan contra un principio fundamental do ser humano que é vivir en convivencia e o dereito a educación, “con independencia do sexo que teñamos”.