parlamento galego

Rosana Pérez urxe de novo a retirada dos plans de ordenación da eólica mariña e acusa a PP e PSOE de dar as costas á pesca

Rosana Pérez
Rosana Pérez
A deputada do BNG subliña a falta de estudos sobre os efectos que os parques eólicos poden ter nos caladoiros e advirte contra o modelo enerxético do espolio    

A deputada Rosana Pérez acusou este martes a PP e PSOE de levar a cabo un “auténtico exercicio de escapismo” logo de terse amosado en contra dunha proposición non de lei do BNG para solicitar de novo ao Goberno de España a retirada dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) que, advertiu, rexeita de maneira unánime o sector pesqueiro galego.

Rosana Pérez defendeu no Pleno a iniciativa reclamando a retirada dos POEM o mesmo día no que se presentaba no Parlamento da UE o informe do Tribunal de Contas Europeo que, explicou, demostra que a aprobación destes plans “levouse a cabo sen a información suficiente e sen analizar as consecuencias que pode ter a eólica mariña sobre os ecosistemas e a afectación ao sector pesqueiro”.

“Deixa claro que dende o punto de vista medioambiental, social e económico, a eólica mariña, a día de hoxe, non é sostíbel”, salientou aludindo ás conclusións do informe especial sobre enerxía renovábel publicado no mes de xullo. Dito informe, subliñou tamén, advirte de que as repercusións da implantación da eólica mariña non están suficientemente estudadas e fala abertamente da perda de postos de traballo no sector pesqueiro, que xa ten presentado un recurso diante da Xustiza.

A deputada do BNG fíxose eco ademais das inquedanzas dos e das profesionais da pesca en Galiza pois, segundo argumentou, “son moitas as voces que cuestionan non só os propios POEM senón tamén un modelo arrasador dun xeito de vida, de miles de empregos directores e indirectos e duns ecosistemas sobre os que non existen a día de hoxe estudos suficientes que demostren que non van ser afectados pola éolica mariña”.  

No mesmo sentido, mencionou ademais o informe do Observatorio do Litoral da UDC, que serviu de base para o recurso da Plataforma en Defensa da Pesca, e segundo o cal non se tiveron en conta os principios de cautela e precaución, nin se analizaron os impactos ambientais, sociais ou de sostibilidade.

Logo de escoitar aos deputados de PP e PSdeG, aos que acusou de dar as costas ao sector pesqueiro, Rosana Pérez insistiu na necesidade de defender os caladoiros galegos dun modelo enerxético baseado no espolio. E lamentou que populares e socialistas teñan asumido que “unha vez máis, Galiza ten que ser o que decidan as grandes empresas do IBEX e os seus aliados nos gobernos de España e da Xunta”.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG