Congreso

Rego a Albares: “Lideren unha actitude internacional firme de condena Israel e paren o xenocidio do pobo palestino”

Néstor Rego
Néstor Rego

“Onde están as condenas? Onde, as sancións económicas e políticas? Onde, a vaga de axuda internacional aos palestinos agredidos e masacrados? Onde están todas as medidas que se teñen aplicado noutros casos cando interesou?” pregunta Néstor Rego

O BNG reclama durante a comparecencia de Albares levar Netanyahu e a cúpula sionista á Corte Penal Internacional e apoiar por todos os medios o pobo palestino

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado –durante a comparecencia do ministro de Asuntos Exteriores- un cambio de actitude a respecto do que está a acontecer na Faixa de Gaza, “de firmeza frente a Israel”. Neste sentido, enumera as principais actuacións a aprobar como reclamar o cesar fogo inmediato, romper relacións diplomáticas co Estado sionista, reclamar o fin do apartheid e da ocupación, así como recoñecer de vez o Estado palestino. Por último, en aras de facer xustiza, Rego exixe a Albares apoiar o pobo palestino por todos os medios e levar a Netanyahu e a cúpula sionista á Corte Penal Internacional para que os crimes “non fiquen sen castigo”.

“Este conflito non comezou o pasado día 7 de outubro, comezou hai máis de 100 anos coas migracións -especialmente de Europa- promovidas polo movemento sionista a terras palestinas” lembra o deputado do BNG durante a comparecencia do ministro. Continuou en 1948 coa creación do Estado de Israel, que ocupou xa metade do territorio palestino, forzando o desprazamento de centenas de millares de persoas que viven desde entón como refuxiadas en diferentes países, “nun proceso que non se detivo até hoxe en que Palestina é unha realidade minguante sobre o mapa mais que resiste con forza, con constancia e con determinación os intentos de aniquilación definitiva”.

“Israel está a cometer crimes de guerra e crimes de lesa humanidade á vista de todo o mundo, un verdadeiro xenocidio e un intento claro de limpeza étnica” denuncia Rego. Esta realidade, continúa o deputado nacionalista, é a que a inmensa maioría dos medios e dos gobernos occidentais queren ocultar. “Permíteselle a Israel, que leva 70 anos burlando todas as resolucións da ONU, o que non se permite a ningún outro estado, especialmente se non é amigo dos Estados Unidos” recrimina Rego que mesmo sinala que Israel é o principal “axente en Oriente Próximo do imperialismo norteamericano”.

Non se ve o que non se quere ver

O deputado do BNG no Congreso relatou durante a comparecencia do ministro Albares que o Estado de Israel está bombardeando zonas residenciais, de infraestruturas civís, de hospitais, de escolas -incluídas as da ONU-, asasinando 77 xornalistas e persoal das Nacións Unidas, desprazamento masivo de poboación civil e ataque aos convois de desprazados, bloqueo da entrada de axuda humanitaria... “Onde están as condenas? Onde están as sancións económicas e políticas? Onde está a vaga de axuda internacional aos palestinos agredidos e masacrados? Onde están todas as medidas que, de maneira áxil se teñen aplicado noutros casos cando interesou?” pregunta, retoricamente, Rego.

“Israel acusa o presidente do Goberno español de apoiar terroristas e retira a embaixadora e a reacción dese presidente é reafirmar que ´Israel é amigo de España`. Pretender ser amigo de xenocidas non fala moi ben de España” subliña Rego.

Así mesmo, Rego denuncia que o Goberno español confirma a compra de mísiles de fabricación israelí e continúa o comercio de armas con Israel. De feito, o exército israelita está a utilizar armamento español na ofensiva militar en Gaza. “Cesen de inmediato o comercio de armas con Israel e da totalidade de produtos que procedan dos colonatos ilegais na Palestina” demanda.

Cambio na actitude do Goberno español

“A noso xuízo, aínda que diferente da dunha dereita e ultradereita que apoia incondicionalmente os crimes de Israel, o Goberno do Estado está a ter unha postura realmente morna e inadecuada. A reacción airada do Estado israelí só demostra que non está afeito a recibir ningunha crítica, por moi matizada que for. Parece que Israel ten patente de corso” afirma.

O que pide o BNG ao Goberno español de PSOE e Sumar é unha “actitude diferente, de firmeza frente a Israel. Debe reclamar o cesar fogo inmediato. A embaixadora debe saír, mais porque o Goberno decide a ruptura de relacións diplomáticas co Estado sionista. Reclamar o fin do apartheid e da ocupación e recoñecer de vez o Estado Palestino, como xa teñen feito a maioría dos países que fan parte da ONU”.

“Os crimes do estado israelí non deben ficar sen castigo. Netanyahu e a cúpula sionista debe sentar na  Corte Penal Internacional. O máis urxente, parar o xenocidio. O máis necesario, apoiar o pobo palestino por todos os medios” sentenza o deputado do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG