parlamento galego

O PP vota en contra de crear novas unidades xudiciais de penal, familia e violencia de xénero en Ourense

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés advertiu  que a reforma lexislativa do Estado introduce a posibilidade da  desaparición de  xulgados nas vilas  do medio rural e que os Xulgados de Instancia estendan a súa xurisdición a máis dun partido xudicial representando un grave prexuízo para a cidadanía

O deputado do BNG por Ourense, Iago Tabarés propuxo a creación de novos xulgados do Penal, Familia e Violencia de xénero para evitar o “colapso xudicial” nestas unidades na planta xudicial de Ourense e o partido popular votou  en contra da proposta nacionalista.

O parlamentario do BNG lamentou que o Partido popular manteña unha postura no concello de  Ourense e a contraria no Parlamento galego e mostrou a súa disposición a chegar a un acordo para que a Xunta de Galiza solicite a creación e dotación das novas entidades xudiciais, acordo que finalmente o Partido popular non secundou.

Na defensa da proposta, Tabarés insistiu na necesidade de “ mellorar o funcionamento da administración de xustiza” sobre ás custodias de fillos, capacidade das persoas,  impunidade na comisión de delitos ou a atención ás mulleres no momento  que deciden denunciar unha situación de violencia.

Este servizo  elemental, remarcou,  non conta cos recursos necesarios  para prestalo  en boas condicións e neste sentido,  destacou a “grande dedicación e compromiso das traballadoras” para suplir as actuais carencias.

Por outra parte, pediu un pronunciamento do Parlamento galego para  “un reequilibrio territorial” que impida  a eliminación de servizos xudiciais no rural, porque a intención do centralismo estatal, explicou, “vai nesa dirección” cunha reforma lexislativa que introduce a posibilidade da desaparición de xulgados en vilas e que  os Xulgados de Instancia estendan a súa xurisdición a máis dun partido xudicial representando un grave prexuízo para a cidadanía.

Descoñecemos, dixo o nacionalista,  “se a Xunta de Galiza trasladou algunha proposta ao goberno do Estado” e  por esta razón, dende o BNG solicitamos   “un pronunciamento do Parlamento galego”  sobre as necesidades de incremento xudicial na demarcación da audiencia provincial de Ourense e  sen prexuízo das unidades de: Viveiro, Carballo, Ribeira, Vilagarcía ou Sarria, así como para os xulgados de violencia de Lugo e Santiago, Familia de Santiago ...” pois, infelizmente, as carencias da planta galega son moitas e moito importantes”.

Proposta do BNG para mellorar a xustiza en Ourense

O deputado recalcou que a planta xudicial de Ourense mostra moitas deficiencias e sobrecarga de traballo polo que urxiu á creación dun xulgado do penal, un xulgado de primeira instancia para a súa posterior especialización en familia, internamentos e medidas de apoio á discapacidade e un xulgado de violencia sobre a muller.

Tabarés sinalou que “a Xunta non ten competencia para crear, pero ten  capacidade para  condicionar”, e  se a día de hoxe Ourense non consta cun xulgado de violencia sobre a muller con competencias exclusiva e excluíntes é por que a xunta de Galiza non quere, denuncio.

A necesidade desta unidade xudicial foi recoñecida polo pleno do concello de Ourense “grupo municipal do PP incluído” ,  a xuíza do xulgado de instrución número 3 de Ourense, o fiscal especializado en violencia de xénero e o actual presidente da audiencia provincial de Ourense.

Nos  tres primeiros trimestres de 2022, explicou Iago Tabarés,  no xulgado de instrución núm 3 entraron  800 asuntos de violencia sobre a muller, case un 50% máis que en idéntico período do ano anterior, así como a instrución de asuntos complexos como tráfico de drogas ou a operación Pokemon.

Por outra banda, o abandono e infradotación do IMELGA , por parte da Xunta, non contribúe a aliviar a situación do xulgado.

En termos similares, engadiu o deputado do BNG, se atopan os xulgados do penal que tras a eliminación do reforzo dispararon as demora nos sinalamentos e unha importante rebaixa de condenas, “porque non dotar de medios á xustiza penal provoca excarceracións e reducións de condenas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG