PP veta a iniciativa do BNG no Parlamento para que a Xunta arranxe xa o salón de actos do IES Alfredo Brañas de Carballo

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez recrimínalle no Parlamento ao grupo do Goberno que presente unha emenda para encargar o proxecto, 9 meses despois da caída do teito  

O BNG instou á Xunta no Parlamento galego a acometer á maior brevidade o arranxo integral do salón de actos do IES Alfredo Brañas de Carballo, así como a realizar as actuacións necesarias nas fachadas do edificio para evitar o perigo certo de caída de cascotes, unha iniciativa que foi vetada polo PP pese aos argumentos do deputado nacionalista Daniel Pérez.

Pérez recriminou o voto negativo do Grupo Popular e criticou con severidade o “inxustificable desleixo” da Consellería de Educación que, segundo recalcou, constitúe un “desplante máis cara un centro que leva máis de cinco anos sen que se realicen investimentos de relevancia” e que precisa dunha actuación integral no seu salón de actos, coa colocación dun falso teito, a reposición do patio de butacas afectado pola avelaíña e o arranxo do peralte do galiñeiro para habilitar a totalidade das butacas da parte superior, actualmente limitada ás primeiras filas.

Logo de recalcar que o salón de actos tivo que ser clausurado pola caída do teito en xuño de 2021 e que uns operarios pasaran polo centro seis meses despois a retirar os cascotes, “curiosamente días despois de rexistrarse esta iniciativa”, o deputado do BNG censurou ao PP que hoxe, no debate da mesma e nove meses despois da caída do teito, “presenten vostedes unha emenda para encargar o proxecto, proxecto que unha vez elaborado, terase aínda que licitar execución e realizar a obra e, ollo!, ‘cando haxa dispoñibilidade orzamentaria’”.

Ao seu xuízo, esta emenda -que loxicamente rexeitou- “é unha auténtica tomadura de pelo” e un “insulto á intelixencia deste grupo parlamentario, da dirección e alumnado do Alfredo Brañas e do pobo de Carballo” porque, segundo advertiu, o Goberno galego recoñece así o seu deixamento de funcións e obrigas “e faino por escrito!”.

Neste sentido, considerou que o que a consellería está realmente a dicir é que, despois de castigar durante nove meses a un centro educativo sen o que cualificou de elemento básico para desenvolver o seu proxecto educativo, “non hai data para realizar a obra”, aínda que se mostrou seguro de que no vindeiro curso 2022-2023 o Executivo do PP anunciará que xa hai un proxecto “porque é ano de eleccións”. “Non teñen pudor”, reprobou.

Para Pérez, a solución pasa por unha modificación de crédito -“como xa fixeron moitas veces”, remarcou- para acometer de inmediato a actuación que precisa o centro e non por presentar unha emenda á iniciativa do Bloque “que non compromete a nada á Xunta”. A posición do PP nesta cuestión é para o deputado nacionalista un exemplo máis do abandono co que o Goberno galego castiga a Carballo e, nesta liña, recordou que actuacións como a circunvalación da localidade, o segundo centro de saúde ou a ampliación do polígono de Bértoa seguen pendentes.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG