parlamento galego

PP rexeita unha iniciativa do BNG para reforzar a atención sanitaria nos centros de saúde do concello de Marín

Paulo Ríos
Paulo Ríos

Paulo Ríos afirma que o SERGAS coñecía de antemán o número de xubilacións e previsións de vacacións  pero  non tomou medidas e seguiu sobrecargando ao persoal

Critica  “a política de parches” do PP que conduce ao desmantelamento da Atención Primaria

A través dunha proposición non de lei, o deputado do BNG, Paulo Ríos reclamou medidas urxentes para “reforzar a atención sanitaria nos centros de saúde do concello de Marín” ante a falta de persoal e medios que están a afectar gravemente a atención sanitaria dos e das veciñas.

O parlamentario explicou que  tras o remate do verán, o Centro de Saúde de Marín atópase nunha situación “límite” polas baixas e vacacións da metade do seu persoal médico. Ante esta circunstancia a solución aportada polo SERGAS é un “importante aumento da xornada laboral”, medida que para o deputado  conduce a Atención Primaria e aos servizos de Urxencias “a un maior deterioro” da sanidade pública.

Para o nacionalista, este deterioro provoca como primeira consecuencia “o colapso” sanitario e obriga aos paciente a “acudir á sanidade privada”.

O SERGAS  é coñecedor da situación á que sumou “a precariedade” no Centro de Saúde de Seixo “baixo mínimos” e inserido nun proceso de “desmantelamento”, a pesar dunha demanda sanitaria de máis de 20.000 persoas que se incrementan na época do verán.

O deputado popular, José Alberto Pazos Couñago respondeu ao nacionalista que a falta de facultativos nos centros sanitarios é una realidade  porque non hai   médicos e médicas suficientes oa que Ríos  replicou que o PP non pode seguir xustificando o grave deterioro da sanidade pública na falta de persoal e como  única solución, seguir aplicando “parches” e sobrecargas aos profesionais. Na súa opinión, o PP debe rectificar a súa política sanitaria para resolver un grave problema que precisa de “medidas estruturais” e se non hai  médicos suficientes, dixo, o  goberno  “debe pedir axuda”, mesmo a nivel internacional.

Política de “parches” para desmantelar a Atención primaria

Ríos lamentou que o Partido popular rexeitara a iniciativa nacionalista  e  criticou que o PP continúe aceptando a falta de facultativos en varias especialidades e Atención Primaria como “una praga bíblica” que non se pode combater.  O discurso do Partido popular tenta transmitir “que non hai nada que facer” pero a realice colide con este argumento xa que no último MIR “quedaron 33 prazas sen cubrir en Medicina de Familia” en toda Galiza.

“Xa non é momento de axustes” sobre todo, cando o SERGAS coñecía de antemán o número de persoas próximas á xubilación, as previsións sobre vacación e as prazas, pero dende o PP preferiron “ir deixando o tema durante os últimos anos”.

O BNG, afirmou, continuará defendendo os servizos públicos  e lembrou que a “veciñanza de Marín leva todo o verán reclamando a incorporación dos médicos e médicas” e agora que comeza o curso, a resposta social terá continuidade porque os servizos esmorecen e a dotación de facultativos está ao 50%.

“Cando os parches se acaben, que medidas estruturais está poñendo ou vai poñer a Xunta enriba da mesa”? preguntou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG