parlamento galego

Pontón ofrece a Rueda negociar unha posición de País para defender os intereses de Galiza ante o Estado en tres grandes asuntos: competencias, débeda e financiamento

Propón unha xuntanza para consensuar unha estratexia que lle permita a Galiza negociar en mellores condicións cuestións claves para o País

Critica que o novo goberno responda máis aos equilibrios internos do PP que ás necesidades da xente e denuncia que non cumpre en materia de igualdade

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha reunión no arranque desta nova lexislatura para fixar unha posición de País en defensa dos intereses de Galiza ante o Estado. A proposta do BNG pasa por “abrir unha nova etapa na relación co Estado” na que Galiza gañe máis peso político e poda negociar en mellores condicións cuestións que afectan á vida da xente. Para iso, Pontón ofreceu hoxe abordar tres cuestións fundamentais: as competencias pendentes, a condonación da débeda e un novo modelo de financiamento.

“O que máis nos preocupa no BNG é que Galiza ten retos moi importantes que afrontar, e que moitos deses retos cheguen a bo porto depende do peso político que Galiza teña ante o goberno do Estado”, afirmou Pontón, quen nesta nova etapa instou a Rueda a cambiar “a estratexia supeditada ao PP madrileño” que mantivo até o de agora por outra na que, por riba dos intereses partidistas, defenda os intereses de todos os galegos e as galegas.

“Xa vimos o nefasto resultado para os intereses de Galiza de ter na Xunta un presidente que se move entre a confrontación inútil e a submisión, porque está refén das estratexias de partido que lle marcan desde Madrid”, advertiu a líder nacionalista, instando a Rueda a exercer o seu papel de presidente de todos os galegos e de todas as galegas e non só da parte do electorado que o apoiou nas pasadas eleccións.

Pontón pediulle a Rueda que acuda xa á reunión da comisión mixta de transferencias -que vai celebrarse grazas ao acordo de investidura do BNG- cunha posición de País que permita avanzar en todas as competencias pendentes. No mesmo sentido, reclamoulle que aproveite o acordo negociado polo Bloque no que se refire á débeda, pois dito acordo garante para Galiza o mesmo trato en materia de condonación da débeda que para outros territorios do Estado. “Que utilice ese acordo para reducir a débeda pública deste País, que en o PP elevou até maximos históricos”, apuntou en alusión ao xefe do Executivo galego.

No que ten que ver co financiamento, Pontón fixo tamén unha chamada a fixar unha posición de País “ambiciosa”, sabendo que esta é unha cuestión clave para poder levar adiante as políticas que o noso País precisa. Explicou, neste sentido, que aínda que o BNG vai seguir defendendo para Galiza un modelo de concerto que lle dea a chave dos seus cartos, traballará coa man tendida para avanzar nun acordo político co resto de forzas parlamentarias que permita melloras dentro do actual marco de financiación e que a Xunta poida dispoñer de máis recursos para mellorar a vida da xente.

Neste punto, a proposta do BNG inclúe reclamar para Galiza a cesión do 90 % do IRPF e do IVE; o imposto de sociedades (que como mínimo serían máis de 1.700 millóns de anuais) e que tributen aquí as empresas que teñen actividade aquí, como as eléctricas.

Pontón subliñou a disposición do nacionalismo galego a dialogar para que Galiza gañe peso político e poida negociar ante o Estado, ao tempo que lamentou a falta dun proxecto de futuro que, ao seu xuízo, reflexa o novo goberno do PP. Criticou, neste sentido, que os cambios feitos por Rueda no seu equipo “obedecen máis aos equilibrios internos do PP que ás necesidades das galegas e os galegos”.

Máis alá de se se crea ou non unha consellería o que necesitamos saber é se se van cambiar as políticas públicas porque o que fixo o Partido Popular nestes 15 anos en materia de política de vivenda foi cargarse a vivenda pública”, exemplificou para explicar que ou o PP rectifica esas decisións en materia de vivenda “ou veremos que todo isto é cosmética e dar acomodo a máis cargos internos do PP, pero non é atender realmente ás necesidades do País”.

Advertiu, ademais, que logo de escoitar ao xefe do Executivo na súa sesión de investidura e coñecido agora o goberno todo indica que o PP “vai persistir nas políticas que supoñen un auténtico lastre para o futuro de Galiza e que nos están facendo perder oportunidades”.  “O empeño en manter un modelo enerxético de espolio eólico, a favor das eléctricas é un claro exemplo disto”, engadiu.

Defender a igualdade sen predicar co exemplo?

A portavoz nacional criticou ademais que “lamentablemente” o goberno de Rueda non cumpre en materia de igualdade, posto que non paridade entre homes e mulleres. “No Consello da Xunta van sentar 13 persoas e menos do 40 % so mulleres, que en si mesmo é un obxectivo bastante pouco ambicioso”, sostivo.

“É moi difícil defender a igualdade cando non se predica co exemplo”, agregou Pontón, quen se amosou convencida de que “no PP hai mulleres suficientemente cualificadas para formar dun executivo no que as mulleres teñan cando menos a mesma representación que os homes”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG