Pontón fixa no reforzo da sanidade pública un dos cabalos de batalla do BNG para os orzamentos 2023 da Xunta

Encontro sanidade Vilagarcía de Arousa
Encontro sanidade Vilagarcía de Arousa

Critica un presuposto de “0 euros” para máis profesionais cunha Atención Primara colapsada como exemplifica a área sanitaria Pontevedra-Salnés

Reclamará un plan de choque para a Atención Primaria de 200M€ para a contratación de máis persoal e unha partida de 21M€ para saúde mental

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que un dos cabalos de batalla dos orzamentos 2023 da Xunta para o BNG “vai ser a sanidade pública”, ámbito no que reclamará un plan de choque para reforzar a Atención Primaria, dotado de 200 millóns de euros, para contratar máis persoal, e unha partida específica de 21 millóns de euros a maiores para atender a saúde mental.

Así o anunciou logo do encontro mantido en Vilagarcía de Arousa con profesionais sanitarios e persoas afectadas pola situación da Atención Primaria na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, da que dixo, “está sendo o KM 0 da desfeita sanitaria” dun Goberno do PP “incapaz de poñer sobre a mesa solucións”, e onde se rexistra unha situación que considerou “gravísima” porque “cando se deteriora a atención sanitaria das persoas, o que se está deteriorando é a saúde da poboación e, polo tanto, o PP está poñendo en risco a saúde dos galegos e as galegas e a saúde dos veciños e veciñas do Salnés”, alertou.

Despois de advertir que “non é de recibo que volvamos a ver PACs que non teñen nin un médico nin unha médica” e felicitar á cidadanía da comarca pola súa mobilización en defensa da sanidade pública, Pontón apelou á urxencia de que a Xunta tome medidas estruturais porque “hoxe o problema que ten a sanidade pública non é que falten profesionais, é que sobra precariedade”. 

“Cando temos a Atención Primaria colapsada é unha auténtica tomadura de pelo que o PP presente uns orzamentos para 2023 que recollen 0 euros para máis persoal”, criticou, para engadir a continuación que isto é “unha falta de respecto aos galegos e galegas que están vivindo unha situación límite”, tal e como constatou neste encontro a través de distintas casuísticas que se están a dar nesta área sanitaria.

Ante un PP que, segundo apuntou, “quere converter o dereito á saúde nun negocio para a minoría”, deteriorando e socavando unha das grandes conquistas sociais como é a sanidade pública, a líder do BNG insistiu na necesidade de acometer medidas para reforzar o sistema sanitario galego e especialmente a Atención Primaria con máis profesionais.

Nesta mesma liña tamén se pronunciou a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montserrat Prado, quen advertiu que a Xunta está “creando un relato fraudulento” cando afirma que está a incorporar profesionais. “O que están facendo é cambiando a súa situación administrativa, cambiando ás e aos profesionais dunha praza eventual a outra fixa, o que nos parece moi ben porque levamos anos reclamando que se estabilice ao persoal, pero isto non é incorporar profesionais”, afondou.

Prado considerou “absolutamente inaceptable” o que está acontecendo en concreto na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés dende xa antes do verán, cunha situación na que, segundo indicou, “non hai nin un centro de saúde que teña unha situación normal, onde haxa as e os profesionais precisos” e onde os PACs “están un día si e outro tamén sen ningún médico ou médica”.

Logo de repasar a situación concreta de localidades como a propia Vilagarcía, Cambados, O Grove ou Sanxenxo, a deputada nacionalista advertiu tamén da preocupante situación dos servizos de pediatría na comarca e concluíu que, como resultado do deterioro da Atención Primaria, estase chegando tarde a enfermidades que atendidas en tempo poden ter unha fácil solución “pero que cando non é así, acaban cronificándose” e estase provocando ademais a saturación tamén dos servizos de urxencias hospitalarias.   

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG