Montse Prado: "A política social do PP resúmese en 8 anos de privatizacións e recortes de servizos básicos"

Montse Prado
Montse Prado
  • Reprocha que teña como prioritario substituír dereitos por beneficencia e critica a súa ineficacia na loita contra a pobreza e a exclusión

A portavoz parlamentaria de Política social e emprego, Montse Prado, denunciou que dúas lexislaturas de PP deixan como balance “recortes e privatización de servizos básicos” porque a súa estratexia “foi cambiar servizos públicos por beneficencia e privatizacións, ese é o balance de oito anos de Goberno do PP na Xunta”.

Durante a comparecencia do titular da Consellería de Política Social, Xosé Manuel Rey, Prado puxo sobre a mesa a “crueza dos datos” que recollen unha Galiza “máis pobre e desigual”, como indican todos os estudos, desde os da Rede galega contra a pobreza, o CES ou informes sindicais.

“Aumentaron as persoas en risco de exclusión social e de pobreza severa, -38.000 desde 2009-, o número de traballadores e traballadoras pobres segue subindo, a pobreza e a exclusión cébanse coa xuventude. Aumentan os parados de longa duración que xa non teñen prestación que son os que se suman a Risga, persoas que ata fai pouco tiñan emprego e un proxecto de vida”, indicou a deputada.

Ademais, engadiu, o saldo migratorio é negativo, o 30% dos contratos non superan a semana de duración, e o 52% das familias monomarentais están en risco de pobreza e exclusión social.

Por iso, “é prioritario articular un sistema público de benestar”, salientou, que o PP foi desmantelando dentro da súa estratexia de “rebaixar dereitos e prestacións a cambio de medidas de beneficencia convertendo servizos básicos en negocios en mans de empresas privadas ”.

Prado reprochou ao conselleiro a súa política de anuncios, -“hai demasiados imos, imos, imos... despois de oitos anos de goberno”-, e instou a Rey Varela a que en lugar de estar supeditado ao que manden desde Madrid, “á espera de que cheguen uns fondos ou outros”, o PP defenda un sistema de financiamento que garanta a Galiza recursos para blindar os servizos públicos, como o concerto económico que propón o BNG.

Iso e, ademais, “que tal se en vez de estar ao que digan desde o Goberno central poñemos o país a producir?”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG