Olalla Rodil: “A Xunta destina 3 millóns de euros para o festival “Son do Camiño” e 200 mil para o resto”

Olalla Rodil
Olalla Rodil

A nacionalista denuncia falta de transparencia no contrato do Festival “Son do Camiño” e reclamou os pregos da contratación

Olalla Rodil: “A Xunta destina 3 millóns de euros para o festival “Son do Camiño” e 200 mil para o resto”

A deputada do BNG, Olalla Rodil preguntou hoxe ao goberno polo patrocinio contratado pola Axencia Galega de Turismo  cunha Unión Temporal de Empresas, “sen concurso público e sen publicidade”, para financiar con 3 Millóns de euros un macrofestival de 3 días e 6 concertos en 2018 no marco do Xacobeo 2021. Ante a evidente  falta de transparencia,  a  parlamentaria reclamou os pregos de contratación.

A deputada manifestou  que son 3 millóns de euros para gastar nun só ano mentres para o resto dos festivais, AGADIC destina  280 mil euros en axudas, o Culturgal en 2017 contou con  57 mil euros da Xunta. É dicir, “52 veces menos fondos para apoiar a única feira de industrias culturais de Galiza”.

Por outra parte, a edición do libro en galego obtivo 178.000 euros, o apoio  ao talento audiovisual, 145 mil euros e para as salas de artes escénicas, 70 mil euros.

Se sumamos todas as convocatorias de axudas da AGADIC activas agora mesmo para a cultura, dixo Rodil,  non suman o que gastarán este ano en patrocinar eventos privados arredor do Xacobeo. 

Dixémosllo ao Secretario Xeral de Cultura en Comisión e repítollo  agora a vostede, “é obsceno”, irracional e un insulto á cultura galega que  o Goberno da Xunta invista 3 millóns de euros para patrocinar o Xacobeo e leve 8 anos desatendendo as súas responsabilidades e obrigas no apoio, fortalecemento e impulso á creación e produción cultural galega”.

Neste sentido afirmou, desde o BNG hai dúas cuestións que consideramos reprobables: A primeira que se invistan 3 millóns de euros públicos  sen facer públicos os pregos que rexeron o suposto proceso de negociación. Dito doutra maneira, entregar 3 millóns de euros públicos “ a dedo”. E a segunda que o Partido Popular volva aos vellos tempos. Aqueles  tempos que “confunden cultura e espectáculo”. Unha política que outorga á  cultura galega e en galego  un “carácter secundario e ornamental”. Pero o máis   grave, é  que o diñeiro público non se destine  a impulsar, fortalecer e apoiar a cultura propia e os seus sectores.

Por iso lle preguntamos, porqué asinou un contrato por 3 millóns de euros sen concurso nin publicidade e sen facer públicos os pregos da contratación?

Román Rodríguez delega a responsabilidade en Turismo 

O Conselleiro de Cultura respondeu á deputada  que o contrato referido responde a unha “estratexia de publicidade” para o turismo ao que a nacionalista replicou preguntando se lle parecía que o papel da administración pública debe dirixirse a “macroeventos culturais” mentres segue mantendo en “dique seco” aos sectores culturais galegos. Rodil volveu a reclamar os pregos da contratación e  denunciou a falta de transparencia en todo o  proceso.