Olalla Rodil pide á Xunta que o CDG teña criterios artísticos á hora de escoller as obras que representa

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil pide á Xunta que o CDG teña criterios artísticos á hora de escoller as obras que representa
  • “Non se pode aplicar á produción artística iguais criterios que se fose un concurso-oposición para postos de funcionariado”, alega

A portavoz parlamentaria de Cultura, Olalla Rodil, instou ao Goberno galego a abrir unha mesa de negociación co sector das artes escénicas para establecer criterios de selección dos elencos das obras programadas polo Centro Dramático Galego que non limiten ou condicionen a calidade artística que debe primar neste tipo de creacións.

A proposta do BNG prodúcese a raíz das múltiples eventualidades polas que tivo que pasar o proceso de escolla dos e das actrices da obra Martes de Carnaval, que mesmo motivaron a dimisión da metade do xurado de selección polo seu desacordo co sistema a aplicar para configurar o reparto da obra, ao entender que dificulta enormemente o proceso artístico.

“Non se pode aplicar á selección dun elenco para unha obra de teatro, para unha creación artística, os mesmo criterios que se aplican para seleccionar persoal funcionariado para a administración a través dun concurso-oposición, por moito que o CDG sexa unha institución pública”, argumentou Rodil durante o debate da iniciativa parlamentaria do BNG na Comisión de Cultura da Cámara.

A deputada salientou que a propia Asociación de actrices e actores demanda revisar os criterios de selección dos elencos das obras que programa o CDG, “ao considerar que a fórmula elixida non é a máis acaída ás particularidades laborais e artísticas dos actores e das actrices, dos directores e das directoras”, explicou.

Por iso, o BNG demanda da Xunta, en concreto de AGADIR, unha mesa de diálogo co sector para buscar unha solución de cara ás futuras obras que se programen no CDG, criterios que non menoscaben a creación artística.

“A Asociación de actrices e actores pide un proceso de diálogo para evitar estas situacións no futuro que aínda afogan máis ao Centro Dramático Galego, un espazo de diálogo porque a día de hoxe os responsables de AGADIC nin están nin se lles esperan. Esta situación pode volver repetirse no futuro e hai que buscar unha solución”, alegou.

Pese á negativa do PP, Rodil propón negociar “uns criterios de selección que respecten a calidade artística, porque a cobertura legal do proceso non debe ir en prexuízo da necesaria autonomía que esixe unha creación artística. Séntense nunha mesa e escoiten o que lle teñen que dicir desde o sector, porque a lei non pode cercenar a creatividade nun proceso como son as artes escénicas”, concluíu.