Os nosos problemas non se solucionarán coa actual Constitución nin coas reformiñas dos que levan 40 anos no poder

ana-alberte
Alberte Fernández (secretario xeral de Galiza Nova) e Ana Pontón
  • O BNG identifica soberanía con benestar social e defende o dereito de Galiza a decidir para superar un marco constitucional esgotado
  • “Toca crer no país, apostar pola soberanía do pobo galego como único xeito de tomar o control do 100% dos nosos recursos para xerar emprego e blindar os servizos públicos e o benestar social”

O BNG, como xa é habitual, aproveitou o aniversario da Constitución para reivindicar o dereito soberano de Galiza a decidir, cun acto nacional convocado baixo o lema Fronte á Constitución española, dereito a decidir e soberanía celebrado ante o monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago, que contou coas intervencións da portavoz nacional e do secretario xeral de Galiza Nova.

A propia Pontón afirmou que non era casual que Rosalía presidise ese acto: “Estamos aquí, porque Rosalía escolleu un camiño do que nos nos sentimos herdeiras: o da reivindicación dos dereitos nacionais de Galiza. Estamos aquí porque o seu nacionalismo contiña unha cosmovisión do mundo favorábel á igualdade en todas as ordes e representaba un feminismo transgresor. Era a resposta a unha integración desigual, marxinal, opresiva, de Galiza no novo Estado español centralista e capitalista”

Comezou a súa intervención facendo mención aos milleiros de galegas e galegos que non votaron a Constitución: “Eu era unha nena cando se aprobou a Constitución española. Hoxe hai centos de milleiros de galegos e galegas que, coma min, non votaron ese texto e que tampouco viviron a ditadura nin a chamada Transición. Non o vivimos. Non o votamos. Pero, temos opinión. Queremos opinar. E queremos decidir.”

Nese contexto, Ana Pontón, subliñou que a crise económica e oito anos de políticas fracasadas confirmaron que “o actual réxime derivado da Transición está esgotado”, ademais de evidenciar “a necesidade como nación e como pobo de tomar o control dos nosos recursos e capacidades para garantir un futuro de benestar aos galegos e as galegas”.

“Temos que aspirar a algo máis que a unha autonomía pírrica na que todas as decisións relevantes se tomen a centos de quilómetros”, salientou. “Toca facer algo diferente, toca crer no país, abrir un tempo novo que pase porque o pobo galego poida decidir libremente o seu futuro, a comezar por tomar o control do 100% dos nosos recursos e utilizalos para xerar emprego e blindar os servizos públicos e benestar sociail”, alegou.

WhatsApp Image 2016-12-06 at 12.48.13Pontón foi clara ao declarar que as solucións aos problemas de Galiza non van vir de fóra. “Non van vir por pactos entre o PP e o PSOE, nin por reformas constitucionais pensadas e deseñadas desde Madrid”, polo contrario, “como nacionalistas defendemos o dereito a autodeterminación e a consecución dun Marco Galego de Libre Decisión”.

A Portavoz Nacional do BNG, fixo referencia a que falar de soberanía é falar das cousas de comer para o que empregou o exemplo concreto da entrevista do ministro de fomento co presidente da Xunta “Hai unha posición unánime do Parlamento de Galiza do traspaso da AP9. Non hai ningún impedimento nin técnico nin xurídico. O Goberno español négase ao traspaso. Feijóo en vez de presidente dunha nación digna exerce de delegado do goberno. Dun goberno de piratas máis preocupado por savalgardar os beneficios obscenos da concesionaria da AP9 que dos galegos e galegas. Para iso tamén queremos soberanía: para que nunca máis un señor de Madrid nos veña a dicir e a impor o que podemos facer ou deixar de facer no noso territorio e coas nosas infraestruturas”

En definitiva, o BNG defende unha Galiza capaz de gobernarse a si mesma desde o convencemento de que “soberanía é igual a máis capacidade para resolvermos os nosos problemas, máis democracia e maior benestar”, salientou Pontón. Nese mesmo sentido, sinalou que “O dereito á autodeterminación é un dereito universal e inalienábel. Un dereito quen non precisa ser posivitizado polo ordenamento xurídico para consideralo vixente. O ordenamento xurídico pode tutelalo, amparalo ou regulalo, pero non recoñecelo. En calquera caso, garantir o dereito á libre determinación das nacións sen estado como a nosa, non é problema de orde xurídica. É un problema estritamente de vontade política e democrática. O nacionalismo nunca foi excluínte. O único excluinte é esta Constitución, que nos exclúe a nós, ate o punto de que nos nega como pobo”

unnamed-13“Os galegos e as galegas temos dereito a institucións democráticas propias, capaces de gobernaren o país sen necesidade de pedir permiso. Xa sufrimos durante tempo de máis as incoherencias do modelo actual, as discriminacións para Galiza que del resultan, e non podemos seguir agardando para avanzarmos no camiño da plena soberanía”, concluíu.

A dirixente do Bloque reafirmou a necesidade de superar o corsé constitucional e da necesidade de que Galiza se dote de instrumentos que lle garantan poder decidir sobre todos os aspectos que lle correspondan como nación, a comezar coa recadación dos impostos xerados en Galiza a través dun Facenda Galega ou a xestión directa das pensións ou seguridade Social, a ordenación dos sectores produtivos maximizando o potencial económico do país para xerar emprego, planificación exclusiva dos servizos públicos, articular un deseño territorial, institucional e de administración de xustiza que sexa a última instancia xudicial e que estexa deseñada acorde ás necesidades do país, ou a presenza directa en instancias estatais, europeas e internacionais nos asuntos que lle afecten,así como os instrumentos necesarios para impulsar sen interferencias os elementos que nos conforman como pobo e nos identifican como nación a comezar pola plena normalización do noso idioma.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG