xerais 2023

Noa Presas: “Votar BNG é defender a mellora das comunicacións e apostar por Valdeorras”

Acto O Barco
Acto O Barco

A cabeza de lista do BNG por Ourense chama a veciñanza do Barco de Valdeorras para “encher as urnas o 23X de votos do BNG” para rematar coa discriminación histórica que sofre a comarca, sobre todo en materia de infraestruturas

“O bipartidismo clásico non lle foi ben a Valdeorras: desmantelaron os servizos ferroviarios e non atenden as necesarias actuacións de mellora viaria. É o momento de apostar por unha forza que defenda os intereses desta comarca” destaca

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, participa nun encontro coa veciñanza do Barco de Valdeorras e chama a veciñanza a confiar na capacidade do BNG para defender os intereses da comarca en Madrid. Segundo sinala, o bipartidismo clásico demostrou non atender as necesidades de Valdeorras e erixe o BNG como a “única forza que defenderá os intereses da comarca en Madrid”. A nacionalista comprométese solucionar os problemas que ten Valdeorras, sobre todo nas comunicacións viarias e ferroviarias, para “rematar co illamento que PP e PSOE provocaron”.

No acto público organizado pola organización nacionalista no Barco de Valdeorras tamén tomaron a palabra o actual portavoz municipal do BNG no concello valdeorrés, Suso Vilasánchez, e a alcaldesa do Concello da Rúa, María G. Albert. Ambos coincidiron na necesidade de que Valdeorras “teña unha voz forte no Congreso que condicione a política do Goberno do Estado defendendo os intereses da comarca”. Mesmo, explicaron, para promover e impulsar o desenvolvemento socioeconómico de Valdeorras e mellorando a calidade de vida da veciñanza.

“O bipartidismo clásico non lle foi ben a Valdeorras. Podémolo comprobar co desmantelamento dos servizos ferroviarios que, pouco a pouco, tanto PP como PSOE provocaron conducindo a esta comarca a un illamento co resto de Ourense e o resto do País” exemplifica a cabeza de lista do BNG ao Congreso. Neste sentido, Presas preséntase coo compromiso de reverter esta situación “apostando por máis servizos ferroviarios, a través de máis liñas, máis frecuencias e, por suposto, con servizo presencial para a venda de billetes” e a recuperación do tren nocturno.

Así mesmo, a cabeza de lista do BNG ao Congreso sinala a necesidade de mellorar as infraestruturas viarias existentes, como o caso da N-120, ou executar outras pendentes como a A-76. “A N-120 é a principal vía de comunicación entre Ourense e Valdeorras e, a pesar do seu elevado volume de tráfico rodado e desgaste que isto provoca, o Goberno do Estado continúa sen levar a cabo unha rehabilitación integral do firme para a súa adecuación e a mellora da seguridade viaria. O BNG vai a Madrid para condicionar as políticas do Goberno para que se poidan levar a cabo este tipo de actuacións” explica Presas.

Aumento das pensións mínimas para rematar coa fenda territorial e de xénero

“Ourense posúe as pensión media máis baixa do Estado: 887,08, un 25% menos que a media do Estado que está case nos 1.2000 euros. De feito, a circunscrición de Ourense ten a maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos de toda Galiza representando un 32% da poboación total” incide a cabeza de lista. Se a esta situación lle sumamos os datos económicos da inflación, que nos din que a crise de prezos afectou de forma máis intensa en Ourense, “é máis necesario que nunca subir as pensións mínimas”.

En opinión de Presas, se un pensionista de Ourense xa cobraba menos antes que un pensionista medio doutra parte do Estado, e que agora “por riba, a medida que foron subindo os prezos, empobreceuse aínda máis”. Neste sentido, a proposta do BNG para subir as pensións mínimas “até o 60% do salario medio” contribuiría a superar a fenda territorial e mesmo a de xénero porque, segundo os datos, as mulleres son as que perciben a pensión mínima en maior porcentaxe.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG