Galegas 2024

Noa Presas: “Votar BNG este 18-F en Ourense é votar para rematar coa discriminación das comarcas ourensás”

Acto Celanova
Acto Celanova

Aposta pola conexión e a cooperación de Portugal, impulso e protección do Xurés, mellora das infraestruturas e posta en valor do patrimonio: entre as primeiras medidas do goberno do BNG para Celanova

“O BNG é a alternativa para que Ourense saia adiante cun proxecto de país que ten o equilibrio territorial como eixo” afirma Presas

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, participa nun encontro coa veciñanza de Celanova para dar a coñecer as propostas de goberno da organización nacionalista a partir do 18-F. Destaca a “oportunidade histórica” destas eleccións para que Celanova e a súa comarca poidan saír adiante co apoio da Xunta de Galiza do BNG. Presas establece como prioritario a conexión e cooperación de Ourense con Portugal, así como a recuperación do patrimonio de Celanova e o impulso do Xurés, entre outras cuestións.

Durante o acto celebrado en Celanova, a cabeza de lista estivo acompañada polo alcalde de Verea, Antonio Valado, e os membros da candidatura, Iago Tabarés, Laura Pérez e Noelia Currás. No marco das eleccións, segundo Presas, máis abertas dos últimos 15 anos, “o BNG fai un chamamento a probar algo novo porque co PP Ourense funciona mal”. Neste sentido, a cabeza de lista rescata as cifras de perda de poboación e sinala que, desde 2009, marcharon máis de 31.000 hab, o 9,2% da poboación. “Equivale a eliminar dun plumazo Verín, O Barco de Valdeorras e esta vila, Celanova” denuncia.

“Cambiemos o guión para darlle unha oportunidade a Ourense”

“O BNG é a alternativa para que Ourense saia adiante cun proxecto de país que ten o equilibrio territorial como eixo. Mais tamén temos un proxecto para Celanova e a súa comarca” engade Presas.

Exemplifica na AG-31 até Portugal o abandono do PP nestes 14 anos de goberno conservador: “catorce anos bloqueando unha alternativa para enlazar a AG-31 até Portugal, un goberno do BNG terá esta actuación como prioritaria e irá máis alá a través da conexión e cooperación con Portugal”.

A organización nacionalista impulsará as conexións pendentes con Portugal e desenvolverá unha mellora do transporte público –apostando pola conexión ferroviaria-, así como o fomento da eurocidade e o impulso da Lei Paz Andrade. “Ampliaremos a oferta educativa de portugués nas extensións das EOI e en máis centros de ensino secundario” asevera Presas.

Por outra parte, avanza que Celanova será a capital da recuperación do patrimonio. “O BNG apostará pola recuperación, valorización e dinamización do patrimonio, impulsando un plan específico para as torres defensivas ou o patrimonio ligado á raia” afirma a candidata. Por outra parte, ante o abandono da Xunta de Galiza do PP, avanza que o BNG impulsará ao Xurés corrixindo os defectos do plan de usos e apostando por un plan de defensa contra incendios específico para o parque. “Avaliaremos o impacto dos lumes nos últimos anos para aplicar un Plan de rexeneración e posta en valor” finda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG