Noa Presas: “O proxecto de orzamentos do Estado será un novo agravio para Galiza”

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas: “O proxecto de orzamentos do Estado será un novo agravio para Galiza”
  • A nacionalista replica a Valeriano que o país precisa un modelo de financiamento xusto “non anuncios de esmolas”, e propón unha ponencia parlamentar para fixar unha posición de consenso en clave de país

A portavoz parlamentaria de Economía Noa Presas propuxo ao concelleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e ao resto da Cámara a creación dunha ponencia para consensuar un modelo de financiamento autonómico que beneficio de Galiza, para pasar páxina do sistema actual polo que o país ten perdido 9.088 millóns de euros.

“Desde o BNG convidámolo a que promovan una ponencia neste Parlamento para acadarmos unha posición de país para saír gañando desta negociación e teñamos un modelo de financiamento xusto que cumpra con obxectivos como a blindaxe dos servizos públicos e permitir os suficientes recursos para prepararnos para o futuro”, expresou Presas.

A formación nacionalista aposta por un modelo de financiamento xusto en lugar das “promesas incumpridas” e da “esmola” do Goberno central, que tivo a súa última entrega na visita da vicepresidenta en vésperas da aprobación do proxecto de orzamentos do Estado.

Nesas contas, avanzou Presas, “imos ver un novo agravio para Galiza co silencio cómplice de Feijóo, mentres Rajoy ía a Catalunya a ofrecer investimentos onde estaba o Goberno galego de vacacións de Pascua?, vaise conformar con que veña a señora vicepresidenta a repetir os compromisos adquiridos para logo deixar sen investir recursos que aparecen sobre o papel e non se executan como ten pasado nos últimos anos?”, interpelou na comparecencia do conselleiro de Facenda.

O BNG considera que se trata “dun carameliño para axudalos a disimular que con vostedes Galiza non pinta nada nas contas do Estado” e, sobre todo, demostra que os recursos que chegan de Madrid son insuficientes.

Neste sentido, Presas salientou “que as forzas políticas deste país debéramos estar centradas en debater un novo modelo de financiamento e ter unha postura de país, ante a deixadez do Goberno da Xunta”. Por iso, “non desistimos e desde o BNG convidámolo a que promovan una ponencia neste Parlamento para acadarmos unha posición de país” porque os problemas “non se resolven parcheando o actual modelo que está esgotado”.

Un sistema concertado aportaría 3.365 millóns adicionais ao ano, esa e a cifra que interesa a Galiza moi por riba dos 247M€ millóns anunciados pola vicepresidenta, concluíu.