xerais 2023

Noa Presas: “Nada lle pode molestar máis a quen intenta censurar que o voto ao BNG este 23X”

Encontro cultura
Encontro cultura

A cabeza de lista chama a concentrar o voto no BNG das persoas que aman a cultura e ante a ameaza da censura da “dereita antigalega e antiliberdade”

“Estamos desputando o último escano co Partido Popular, o voto ao BNG serve para parar a dereita e defender os intereses de Ourense, tamén da nosa cultura propia” asegura Noa Presas

Sinala que, nun contexto sen maiorías absolutas, as forzas soberanistas do Estado son as que están a ser o dique de contención da dereita e garantindo avances sociais

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, e o candidato ao Congreso, Roberto Pascual, participan dun encontro aberto na cidade de Ourense onde apelaron á mobilización do mundo da cultura nestas eleccións para frear a dereita “antigalega e antiliberdade”. Así mesmo, chaman a concentrar o voto no BNG este 23X como forza política que actúa e actuará como dique de contención contra a censura e garantindo avances sociais no camiño de construír unha sociedade “máis libre, crítica e viva”. Presas e Pascual coinciden en que nestes comicios a cidadanía xógase moito e reivindican a cultura como un dereito cívico.

O candidato do BNG ao Congreso, Roberto Pascual, reivindica o dereito á cultura como un dereito cívico e apela á mobilización do sector da cultura nestas eleccións para frear a dereita. “Están en xogos os dereitos culturais, a liberdade de expresión e creación así como a pluralidade cultural e lingüística do Estado” alerta Pascual. O sector cultural galego, engade o candidato, resiste e, a pesar de todos os atrancos, lidera con brillantez e é chave para “construír unha sociedade máis libre, crítica e viva”, así como un elemento fundamental para o desenvolvemento económico do País.

“O auxe desa dereita máis casposa e ese discurso e dinámica violenta é un problema que compartimos co resto das culturas do Estado mais tamén hai unha criminalización e unha persecución aberta da cultura e a lingua galega” apunta a cabeza de lista do BNG. Noa Presas sinala que, nun contexto en que as forzas nacionalistas do Estado son as que fan de dique de contención da dereita e garantía de avances sociais, a frente nacionalista volverá ao Congreso con máis forza e capacidade para defender e protexer a lingua e a cultura galega. “A cultura é unha das bases fundamentais da democracia e hoxe estamos nunha nova crise e non cabe a neutralidade” afirma.

Neste sentido, Presas apela á mobilización do mundo da cultura para “conseguir frear a dereita antidemocrática e antigalega”. Para este obxectivo, a cabeza de lista sinala a necesidade de que o BNG consiga un grupo forte en Madrid este 23X para condicionar as políticas de Estado, nun contexto onde non haberá maiorías absolutas. “Estamos disputándolle o último escano ao Partido Popular e temos que convertelo en realidade. Nada lle pode molestar máis a quen intenta censurar que o voto ao BNG” apuntala.

Por outra parte, o BNG defenderá o emprego de fondos europeos para a promoción da cultura, así como garantir a presenza normalizada da lingua galega e das producións culturais galegas en RTVE ou mesmo incrementar as horas de desconexión territorial en lingua galega. “Defendemos garantir e incrementar a liña de axudas dirixida especificamente a longametraxes, curtametraxes e producións audiovisuais en galego por parte do Ministerio de Cultura” asevera Presas.

Por outra parte, comprométense a levar a cabo unha reforma da Lei do Audiovisual co obxectivo de garantir a plena igualdade de todas as linguas oficiais do Estado. “Exixiremos ás plataformas a dispoñibilidade das producións do seu catálogo con dobraxe e lexendaxe en galega, especialmente nos contidos dirixidos ao público infantil, ademais de mellorar a definición e regulación das produtoras independentes e a promoción e normalización das mulleres no mundo audiovisual” conclúe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG