Galegas 2024

Noa Presas: “O goberno do BNG sacará do caixón o Polígono de Tamagos para xerar e activar a economía de Monterrei”

Verín
Verín

Noa Presas avanza que Verín e a comarca de Monterrei serán un dos motores económicos con este impulso e aproveitamento do chan industrial

Comprométese a crear unha Mesa pola Industria específica para as comarcas ourensás, aproveitar a demanda de chan industrial e establecer sinerxías con Portugal

O BNG aproveitará desde o goberno galego, após o 18F, a posición estratéxica do polígono de Tamagos para converter a Verín e á comarca de Monterrei nun polo industrial desenvolvendo o proxecto que o Partido Popular “meteu nun caixón hai 15 anos”. A proposta, recollida polo BNG no Plan Ourense Vivo, procura aproveitar o aumento da demanda de chan industrial e a sinerxía con Portugal e, neste sentido, a cabeza de lista do BNG avanza que o BNG desenvolverá unha estratexia específica de reindustrialización e a creación dunha Mesa pola Industria específica para as comarcas ourensás.

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, denuncia o desmantelamento industrial tras quince anos de goberno de Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza e critica o nulo aproveitamento de chan industrial en Ourense. Exemplifica no Polígono de Tamagos este desmantelamento que, após de aprobarse o proxecto, o Partido Popular “meteuno nun caixón”.

“É preciso apostar polo desenvolvemento industrial das comarcas ourensás e, no concreto, na comarca de Monterrei pola súa posición estratéxica –entrada da Meseta, fronteira con Portugal- e a demanda existente de chan industrial” sinala Presas. No goberno do BNG a partir do 18F, confía a cabeza de lista, impulsarase o polígono de Tamagos e aproveitarase a sinerxía con Portugal e, do mesmo xeito, “desenvolverase unha estratexia específica de reindustrialización que aproveite o potencial existente en moitos sectores” o que suporá un aumento dos postos de traballo e un asentamento da poboación, evitando que se vexa forzada a emigrar.

“Necesitamos que infraestruturas que levan paradas 15 anos boten a andar coma o polígono de Tamagos. Non pode ser que, estando o traballo máis custoso como son as expropiacións feitas, o PP non desenvolva esta parte tan importante de chan industrial nesta zona do país” destacou Presas. Así mesmo, continuou sinalado que “non podemos permitirnos que Verín e a comarca de Monterrei perdan oportunidades importantes de desenvolvemento cando ademais hai unha posición absolutamente estratéxica de cara a Portugal que tamén hai que aproveitar”.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG