xerais 2023

Noa Presas: “O escano do BNG por Ourense impulsará a construción da A-76 e o arranxo integral da N-120”

Noa Presas e María Albert
Noa Presas e María Albert

“Unha deputada do BNG por Ourense será chave para impulsar esta infraestrutura e comprométome a traballar no Congreso defendendo os intereses da comarca de Valdeorras” afirma Noa Presas

O BNG exixirá a reparación integral da principal vía de comunicación existente a día de hoxe que conecta a comarca de Valdeorras coa cidade de Ourense e o resto do País

A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, Noa Presas, comprométese a impulsar a construción da A-76 fronte a pasividade e o abandono dos sucesivos gobernos do Estado, de PP e PSOE, da comarca de Valdeorras. Así mesmo, Presas demandará no Congreso a reparación integral da N-120 para mellorar a seguridade viaria da que, a día de hoxe, é a principal vía de comunicación da comarca de Valdeorras coa cidade de Ourense e co resto do País. Presas sinala que é a hora de apostar por forzas políticas que ten as mans libres, como o BNG, que poidan defender os intereses de Ourense e da comarca de Valdeorras e condicionar as políticas do futuro Goberno do Estado.

“En Valdeorras é unha demanda de hai décadas e mentres o PP, durante os seus gobernos do Estado introducía partidas que non executaba, os gobernos do PSOE dilata tamén esta construción pedindo estudos de detalle” lamenta a cabeza de lista. Fronte a esta situación, Presas sinala a necesidade de contar no Congreso cunha representante “coas mans libres” para poder condicionar a política do Estado e “facer realidade as demandas da comarca de Valdeorras”.

Neste sentido, a cabeza de lista do BNG comprométese a desbloquear a construción desta infraestrutura, sobre todo estratéxica para a comarca de Valdeorras, que reclaman tanto o tecido social do oriente ourensá como o tecido empresarial. “A A-76 é unha infraestrutura de referencia para o futuro de Valdeorras. De non levarse a cabo, esta comarca estará condenada á desaparición” alerta Presas.

“Unha deputada do BNG por Ourense será chave para impulsar esta infraestrutura e comprométome a traballar no Congreso defendendo os intereses da comarca de Valdeorras” apunta a cabeza de lista do BNG. “É hora de facer historia e de que, por primeira vez, haxa unha voz nacionalista no Congreso por Ourense que poida pór punto e final á discriminación que sofre Valdeorras por parte dos sucesivos gobernos do Estado –de PP e PSOE-, unha voz que tamén defenderá as maiorías sociais do País e do Estado” asevera.

Segundo explica a cabeza de lista do BNG por Ourense, sacar representación nacionalista pola circunscrición de Ourense “é máis posible que nunca” e, sobre todo, se temos en conta os resultados das últimas eleccións municipais e galegas que permitirían alcanzar ese obxectivo. “O último escano por Ourense estase disputando entre o BNG e o PP, apelo a concentrar o voto da xente que quere a Valdeorras e que quere vivir aquí na papeleta do BNG porque servirá para frear a dereita e defender os intereses desta comarca” conclúe.

Reparación integral da N-120

Alén da construción da A-76, a organización nacionalista tamén exixirá a reparación integral da principal vía de comunicación existente a día de hoxe que conecta a comarca de Valdeorras coa cidade de Ourense e o resto do País. “Esta estrada ten índices de sinistralidade moi elevados debido ao estado do firme. Basta xa de parches e remendos que non melloran a seguridade viaria, é hora de pór a Valdeorras no mapa con infraestruturas do século XXI” sinala Presas.

Engadido a esta reparación integral, Noa Presas sinala a necesidade de remodelar o enlace da N-120 co termo municipal da Rúa onde, a pesar de existir partidas en anteriores proxectos de Orzamentos do Estado “o goberno non o executou”. “É importante para A Rúa contar cun acceso digno desde a N-120 que substitúa aos hoxe obsoletos polo lado leste da vila” finda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG