Galegas 2024

Noa Presas: “O BNG reverterá a política de demolición que fixo o PP na sanidade pública”

Encontro sanidade Ourense
Encontro sanidade Ourense

Noa Presas promete a recuperación da área sanitaria de Valdeorras, eliminada polo PP, así como dotar o hospital comarcal de persoal, material, tecnoloxía e especialidades necesarios

“Este 18-F decidiremos que modelo da sanidade queremos: ou o desmantelamento dos servizos feitos polo PP ou un Ourense que teña reforzada a súa sanidade pública” avanza

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, trasladou aos representantes da xunta de persoal do Hospital Comarcal de Valdeorras as medidas integrais para reforzar e blindar a sanidade pública. Destaca a recuperación da área sanitaria de Valdeorras e a dotación do hospital comarcal de persoal, material e tecnoloxía e especialidades necesarios para garantir unha atención de calidade aos pacientes. Así mesmo, comprométese a desenvolver unha política atractiva para a captación e asentamento de profesionais no interior de Ourense con melloras nas condicións laborais, na formación e investigación.

“Este 18-F decidiremos que modelo da sanidade queremos: ou o desmantelamento dos servizos feitos polo PP ou un Ourense que teña reforzada a súa sanidade pública” sinala a cabeza de lista do BNG por Ourense no marco das eleccións ao Parlamento de Galiza. Ante a xunta de persoal do Hospital Comarcal de Valdeorras, Presas presentou as medidas recollidas no programa electoral para a mellora e fortalecemento da sanidade pública en Ourense. Durante o encontro, a cabeza de lista estivo acompañada polos tamén candidatos, Iago Tabarés, Suso Vilasánchez e Roberto Quiroga.

Entre as medidas destacadas destaca a recuperación da área sanitaria de Valdeorras ante as particularidades e características específicas da comarca co obxectivo de prestar un mellor servizo. “O BNG reverterá a política de demolición que fixo o PP na sanidade pública. Queremos asegurar un servizo sanitario de calidade para toda a cidadanía” promete a cabeza de lista.

“Comprometémonos a mellorar as condicións laborais dos profesionais sanitarios, asegurando unha contorna de traballo seguro e condicións que promovan a saúde e o benestar de quen dedica as súas vidas para coidar dos demais, así como unha política atractiva para a captación e o asentamento de novos profesionais para as comarcas de Ourense” subliña Presas.

Na súa opinión, deben de existir mecanismos que permitan atraer novo persoal para a comarca de Valdeorras, ofrecendo incentivos e condicións favorables que fagan do interior de Ourense un lugar atractivo para traballar e vivir. Así mesmo, é preciso aumentar o material, a tecnoloxía e as especialidades existentes á día de hoxe.

Ademais das condicións de traballo, engade Presas, o BNG promete impulsar a investigación e a formación continua no ámbito sanitario “para manternos á vangarda da medicina. Isto garantirá que os profesionais da saúde en Ourense teñan acceso ás últimas innovacións e poidan brindar unha atención de calidade baseada na evidencia científica”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG