galegas 2024

Noa Presas: “O BNG está preparado para goberno este País. Saímos a por todas”

Noa Presas e Iago Tabarés na presentación de Ourense
Noa Presas e Iago Tabarés na presentación de Ourense

Sen receitas importadas nin localismos estériles, o BNG é un proxecto de País capaz de impulsar as comarcas ourensás e favorecer o desenvolvemento social e económico

“Hoxe arrinca unha campaña electoral que é absolutamente decisiva para a historia de Galiza e para a historia de Ourense” apunta Presas

 

O BNG encara o comezo da campaña electoral dando a coñecer o seu programa electoral e, en concreto, o “Plan Ourense Vivo” con medidas específicas para impulsar as comarcas ourensás desde o goberno da Xunta de Galiza. Noa Presas sinala que este documento recolle as principais medidas que o BNG desenvolverá á fronte do goberno galego para favorecer o desenvolvemento social e económico de Ourense e rematar, por fin, coa discriminación e o abandono estrutural ao que se viu sometida esta parte do País.

“Hoxe arrinca unha campaña electoral que é absolutamente decisiva para a historia de Galiza e para a historia de Ourense. Por primeira vez en quince anos o campo está totalmente aberto e hai posibilidades de que deamos un gran cambio liderado polo BNG cunha presidenta nacionalista, Ana Pontón, á fronte” apunta a cabeza de lista do BNG.

Presas avanza que no BNG “daremos todo desde Ourense para facelo posíbel” e daremos propostas en positivo, diante “das mentiras e manipulacións do Partido Popular e diante de alternativas localistas que non poden ofrecer un futuro para Ourense”. O BNG, continúa a cabeza de lista, ten un proxecto para o futuro deste País para “rematar coa discriminación que sofre Galiza” e moi especialmente “para rematar coa discriminación que sofre Ourense”.

Propostas recollidas no Plan Ourense Vivo

Militantes e simpatizantes do BNG acompañaron aos candidatos, Noa Presas e Iago Tabarés, durante un reparto na cidade de Ourense para dar a coñecer as propostas que defende a organización nacionalista e recollidas no “Plan Ourense Vivo”. Vinte cinco eixos programáticos que o BNG impulsará desde a Xunta de Galiza para pór punto e final a unha discriminación e abandonos estruturais promovidos polo Partido Popular.

En opinión do BNG, a cidade e as comarcas ourensás precisan de atención, recursos e maior investimento. “Precisan proxecto por parte das diferentes administracións públicas para favorecer o desenvolvemento social e económico de Ourense” recolle o documento. Un proxecto que o BNG está preparado para levar a cabo desde o goberno da Xunta de Galiza, engade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG