Galegas 2024

BNG asegura que fará realidade o proxecto de regadío para A Limia, após 15 anos de abandono do PP

Acto A Limia
Acto A Limia
Noa Presas: “Exerceremos desde a Xunta de Galiza o autogoberno e poremos os recursos precisos para pór en marcha o regadío, solucionando os problemas do sector e mellorando a vida da xente”

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, participa nun encontro coa veciñanza de Vilar de Santos onde chamou a concentrar o voto no BNG para garantir que o sector agrario teña un goberno que defenda os seus intereses. Neste sentido, Presas avanza que o goberno do BNG será capaz de converter o proxecto do regadío “nunha realidade”. En palabras da cabeza de lista do BNG, o compromiso do BNG co regadío “é claro e absoluto: con Ana Pontón á fronte da Xunta de Galiza, haberá regadío”. Paralelamente, Presas comprométese a blindar os servizos públicos a comezar pola sanidade a través dun plan de choque de 200M€ que garanta que a comarca da Limia teña, por exemplo, o servizo de pediatría cuberto.

No acto tamén tomaron a palabra o actual alcalde de Vilar de Santos, Antonio Míguez, o tamén candidato, Marcos Nogueiras, e o ex Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal. Durante o mesmo, chamaron a concentrar o voto no BNG para abrir “un tempo novo” que saque ao medio rural e a comarcas como a da Limia da situación de crise de despoboamento que atravesa.

Regadíos para A Limia

“O compromiso do BNG co regadío da Limia é claro e absoluto: co BNG no goberno e con Ana Pontón á fronte da Xunta de Galiza negociaremos co Estado máis financiamento, achegaremos fondos propios, asinaremos os compromisos cos regantes e faremos que, por fin, deixe de ser un proxecto e sexa unha realidade” subliña Presas.

Un proxecto, lembra a cabeza de lista, impulsado no seu momento pola Consellería de Medio Rural de Suárez Canal e que foi gardado nun caixón coa entrada do PP no goberno da Xunta. “Fíxose un traballo espectacular e mesmo se negociou coa Unión Europea mostrando que era regadíos históricos para conseguir financiamento. Non lle imos fallar á Limia, que precisa do regadío para un novo impulso económico” compromete Presas.

“Polo Goberno do Estado pasaron, desde aquelas, os azuis e os vermellos mais ninguén fixo nada para solucionar este problema. Esquecéronse sempre desta parte do País porque non lles importa. A quen lles importa esta parte do País é ao BNG e xa avanzo que, de non atopar alternativa, exerceremos desde a Xunta de Galiza o autogoberno e poremos os recursos precisos para pór en marcha o regadío que solucione os problemas do sector agrario e mellorar a vida da xente” enfatiza

Servizos públicos de calidade

“Se hoxe estamos con menos servizos públicos non é porque co cambio climático as e os pediatras desaparezan e se evaporen. É así porque o PP recortou o orzamento para a Atención Primaria, precarizando o persoal e sen planificar o relevo das e dos profesionais” denuncia Presas. Neste sentido, Presas sinala a necesidade de apostar, nestas eleccións, por unha forza política que defenda os servizos públicos e crea no sistema público “tamén para os nosos maiores”. 

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG