Congreso

Néstor Rego reclama ao ministro de Industria “máxima vixilancia para que Alcoa cumpra”

Néstor Rego
Néstor Rego
O deputado do BNG exixiu a Hereu unha Transición Xusta para As Pontes que “pasou de 1.400 MW a 0” e demandou impulso á reindustrialización da Galiza e construción civil para Navantia

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, dirixiuse ao Ministro de Industria na súa primeira comparecencia na cámara para lle reclamar máxima atención aos problemas da Galiza no ámbito industrial: Alcoa, o fechamento das centrais térmicas das Pontes e Meirama e unha transición xusta, o sector naval e a necesidade de impulsar a reindustrialización do noso país.

O deputado do BNG reprochou ao Ministro o fechamento das centrais térmicas das Pontes e Meirama sen alternativas económicas para poder absorber a actividade cesante e o emprego e, ademais,, en alusión sen posibilidade de Concurso de Transición Xusta sobre a base da capacidade de evacuación de 1400 MW das Pontes. “Tiñamos un Nó de Evacuación de 1400 MW e de súpeto 0. Que aconteceu? Argumentan que depende de REE, mais esta tamén depende do Estado”, denunciou. Puxo de manifesto a discriminación das Pontes en comparanza coa central de Andorra (Teruel) en que houbo un concurso de transición xusta que implicou garantir un investimento de 1200 M€ e a creación de máis de 2500 empregos.

En canto a Alcoa, Rego demandou ao Ministro que “estean vixiantes para que Alcoa cumpra estritamente o Acordo. Anunciaron que hoxe reinician as cubas. Alegrámonos, mais no BNG temos a preocupación permanente de que cumpra e por iso lle pedimos que estean atentos”. Outra cuestión que puxo enriba da mesa é a modificación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo para o establecemento dunha categoría específica hiperelectrointensiva e levar ao máximo a compensación por CO2. Recalcou a importancia de Alcoa: “o aluminio é un sector estratéxico e, por tanto, se Alcoa fechar adependencia de terceiros países do conxunto do Estado sería total”.

Sector naval: apostar pola construción civil en Navantia

O deputado do BNG destacou outro dos sectores de peso, o naval, subliñando a perda da actividade en Vulcano, que aposta por recuperar. En canto a Navantia-Ferrol, saudou o anuncio de Sánchez dun buque de aprovisionamento mais enfatizou que “Navantia non pode depender do ritmo electoral, precisa dun Plan para dotala de carga de traballo que non fique na construción militar, ten que haber construción civil e iso implica investimentos”.

Galiza padece unha crise cronificada na industria: “En 15 anos do PP na Xunta, foron destruídos 45.000 empregos”

Rego sinalou a preocupación do BNG pola “crise cronificada que padece a Galiza no ámbito industrial sen que as Administracións competentes poña solucións”. Cargou as tintas contra a Xunta do PP porque “ten a competencia en Industria e non a exerce. Fixo deixación das súas funcións” e lembrou que en 15 anos de gobernos do Partido Popular de Feixoo e Rueda desapareceron 45.000 empregos na industria, entre elas Isowat, Poligal, Aluibérica, Vulcano, Siemens-Gamesa, Vestas, Endesa nas Pontes e Meirama, entre outras moitas.

O Ministro escudouse nas competencias da Galiza en Industria, mais Rego lembroulle que “é o Estado español quen ten competencias na regulación do sector eléctrico ou nos PERTE´s” e respondeu que os 216 millóns que Jordi Hereu salientou  como recibidos na Galiza dos PERTE’s do Naval, Automición e Agro-alimentario, “son insuficientes e é pouco para o noso País no conxunto dos Fondos de Recuperación e Resiliencia”, ademais de que algúns deles non se adaptaron á realidade deses sectores no noso País.

Néstor Rego concluíu que “é posíbel frear a crise industrial da Galiza e pular pola reindustrialización se hai unha actuación firme do Goberno español e outro Goberno na Xunta, encabezado polo BNG”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG