congreso

Néstor Rego exixe ao Ministro solucións e que “garanta o correcto funcionamento dos trens na Galiza”

Néstor Rego
Néstor Rego

Óscar Puente recoñece ao BNG un dos principais problemas: a falta de investimentos desde 2010. Indica a  Rego que os Avril estarán en marcha nos primeiros meses de 2024

Rego pediu a Puente que confirme a prórroga dos abonos en 2024; o Ministro desvenda ao BNG que “están a traballar nunha medida lexislativa que se coñecerá antes de fin de ano”

O deputado do BNG enumerou os problemas diarios: demoras, cancelacións, avarías, falta de prazas e de frecuencias, masificacións, falta de maquinistas, incidencias e inadecuación de horarios.  

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, dirixiuse na sesión de control do Congreso ao Ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel, Óscar Puente, para lle exixir solucións e medidas que terminen coas continuas demoras, incidencias, avarías, falta de maquinistas e problemas nas conexións ferroviarias na Galiza.

Os problemas nos servizos de tren son xa “insoportábeis”

Rego fixo un retrato do que acontece a diario nas estacións de tren galegas onde “as persoas usuarias deben enfrontar demoras, masificacións, falta de prazas, inadecuación das frecuencias ás necesidades horarias ou á imposibilidade de comprar billetes a un mes vista ou a supresión de servizos por falta de maquinistas e de persoal”.

Unha situación, subliñou, que as galegas e galegos definen como “insoportábel” e que dificulta os desprazamentos cotiás. Indicou que os problemas afectan sobre todo o Eixo Atlántico e o Avant Ourense-Santiago-A Coruña, mais tamén o ancho métrico, os rexionais e mesmo o Alvia. Demandoulle que escoite as plataformas de usuarios que levan tempo reclamando medidas. O deputado do BNG dixo a Óscar Puente que alén das medidas recollidas no Acordo asinado co BNG, é preciso garantir o correcto funcionamento do ferrocarril que na Galiza está a ter unha alta demanda.

Mellorar o mantemento, aumentar as frecuencias, máis prazas, máis persoal.

Na súa réplica ao Ministro, Néstor Rego concordou en que “a principal causa do deficiente servizo ferroviario é a falta de investimentos” e emprazouno a asumir o compromiso de mellorar o mantemento das infraestruturas, renovar o material rodante, incrementar a dotación de persoal, tanto maquinistas como o resto de profesionais”. Puxo enriba da mesa unha das principais demandas das persoas usuarias: a necesidade de aumentar as frecuencias, máis prazas e horarios adaptados á demanda. O Plan de Puntualidade debe incorporar todo isto, aseverou. E aproveitou para lle pedir a Óscar Puente que confirmase que van prorrogar os abonos o próximo ano 2024, como se comprometeron no Acordo de Investidura co BNG.

“Señor Ministro, Galiza aposta polo tren”

Deixou claro ao Ministro que Galiza aposta polo tren: “o incremento notábel de usuarios e usuarias é mostra da aposta polo ferrocarril cando as condicións axudan”. Asegurou que a poboación aposta por este medio de transporte sustentábel se é fiábel e tarifariamente atractivo e responde ás necesidades diarias de mobilidade.

Resposta do Ministro de Transportes ao BNG

O titular do Ministerio de  Transportes recoñeceu ao BNG que un dos principais problemas no ferrocarril é a falta de investimentos en mantemento, afirmando que se deixaron de facer desde o ano 2010 e responsabilizou a Rajoy de non ter comprado nin incorporado un só tren á rede ferroviaria.

Anunciou a compra de 500 trens e asegurou ao BNG que “esta adquisición resolverá a maior parte dos problemas”. Informou a Néstor Rego que os trens Avril chegarán á Galiza nos primeiros meses do 2024 e que “mellorarán os servizos”.

En canto á demanda de Néstor Rego sobre a prórroga dos abonos, Óscar Puente desvendou que están a traballar  “nunha medida lexislativa que se coñecerá antes de fin de ano”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG