Néstor Rego: “Co Acordo, Galiza e A Coruña gaña”

Encontro A Coruña
Encontro A Coruña
O portavoz do BNG no Congreso debullou as melloras alcanzadas no ferrocarril, co `cercanías´ como protagonista, os descontos de até 75% na AP-9, mecanismos de compensación da débeda, máis competencias e mesmo status político que Catalunya e Euskadi

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou nun coloquio na Coruña onde explicou o Acordo para Galiza que o BNG conseguiu no marco das negociacións para apoiar a investidura de Pedro Sánchez.

Un Acordo que “beneficiará aos galegos e ás galegas, que fará que Galiza avance da man dunha Axenda galega que inclúe as principais necesidades do país. Galiza gañará en modernidade, en igualdade, sustentabilidade, en progreso e en status político no estado”, afirmou Rego.

Encontro A Coruña
Encontro A Coruña

Néstor Rego: “Rueda, tome nota, ten deberes que facer”.

Néstor Rego contrastou a capacidade negociadora do BNG cun PP “incapaz de ter xestionado unha soa competencia en 14 anos, mentres Andalucía asumiu 11, Catalunya 17 e Euskadi 25. Un PP que non moveu un dedo por mellorar a capacidade financeira da Galiza e que inexplicabelmente botou man da débeda privada no canto de acudir ao público”. “No BNG non queremos que Galiza fique atrás por iso acordamos que ante calquera condonación da débeda, Galiza vai ter un mecanismo de compensación análogo. O mesmo trato”.  

No terreo das competencias, Rego apelou a Rueda a “tomar nota. Ten deberes que facer. O BNG acordou que antes de acabar este ano haberá unha reunión da Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta para activar a transferencia de competencias pendentes. Aí terá unha oportunidade de demostrar se quere que Galiza avance no autogoberno. Máis fácil non llo podemos por”, ironizou.  

Máis perto da gratuidade da AP-9

O deputado do BNG aludiu ás medidas que “inciden directamente no peto dos galegos e das galegas e na economía de autónomos, pequenas e medianas empresas e no sector do transporte que se beneficiarán de descontos de até 75% na AP-9 para usuarios superrecorrentes, tamén na AP-53. Traballaremos para colocar a AP-9 cada vez máis perto da gratuidade que é o que merecen os galegos e galegas, xa fartos de pagar por unha vía amortizada, aínda ligada ao pagamento de portaxes porque o PP prorrogou a súa concesión”.

Tren para a mobilidade diaria e para os retos de sustentabilidade

O deputado do BNG debullou as melloras acordadas no ámbito do ferrocarril, destacando a creación do tren de “Cercanías”, “un servizo necesario para a mobilidade diaria da poboación coruñesa e que, por fin, nos sitúa á altura doutros territorios que contan con trens de proximidade desde hai anos. Alén de promover un medio de transporte sustentábel que nos colocará no camiño dos obxectivos da sustentabilidade e loita contra o Cambio Climático”. Salientou tamén o remate do Eixo Atlántico para que A Coruña e Ferrol fiquen conectadas con Portugal coa saída sur de Vigo, o inicio dos trámites para o baipás de Betanzos e a recuperación de todos os servizos ferroviarios eliminados coa pandemia.

No Acordo inclúese un Plan plurianual para a mellora da rede de estradas que concentran máis problemas de seguranza viaria como a N6, a N550, a A6 ou a AC12, entre outras moitas”.

Avances en políticas sociais.

Néstor Rego destacou as medidas de calado social que repercutirán nas maiorías sociais en referencia ao compromiso da subida das pensións mínimas por riba do IPC, alcanzar 50% de financiamento por parte do Estado nas acción que teñen a ver coa lei de dependencia ou a ampliación do permiso de paternidade e maternidade a 20 semanas. Así mesmo, deputado do BNG fixo especial fincapé no punto que recolle a dotación de 5 novos Xulgados de Violencia de Xénero para a Galiza, actualmente só existen dous. Haberá Xulgados en Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol, en consonancia coas recomendacións do ámbito xudicial de contar cun xulgado en cada provincia.

Normalizar o galego

A lingua galega tamén é outra das protagonistas do Acordo posto que avanzará na súa normalización e recoñecemento con medidas para impulsar a súa presenza nas producións culturais de RTVE, o financiamento da adaptación do galego á nova era dixital con 15 millóns de euros para 2024-2027 e garantir que os contidos para menores de 12 anos estean dispoñíbeis en todas as linguas do estado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG