Néstor Rego chama a votar BNG ás persoas "defraudadas" co trato dos partidos estatais a Galiza

Acto Ames
Acto Ames

Afirma en Ames que demostraron ter un comportamento "submiso e bipolar" porque votan de maneira distinta no Parlamento Galego e no Congreso

"O único voto útil é o do BNG porque defende os intereses do noso país", afirma o candidato da Coruña

O BNG busca ampliar o electorado sumando o apoio das persoas que nas anteriores eleccións votaron partidos estatais e agora están "defraudadas porque lle deron as costas aos intereses galegos". Así o defendeu o portavoz no Congreso e cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, nun mitin no Milladoiro, Ames, en que afirmou que, polo tanto, o "único voto útil é o do BNG porque defende os intereses do noso país", e no que estivo acompañado pola concelleira do BNG en Ames e Deputada Provincial, Natividad González.

A concelleira do BNG, Natividad González destacou que o voto útil galego é o voto ao BNG, pois “é máis útil para os galegos e as galegas ter 3, 4 ou 5 deputados do BNG en Madrid, para negociar e condicionar en favor da sociedade galega, que 23 atados de pés e mans ás forzas estatais” e pediu a todos os galegos e galegas, que aposten polo Bloque Nacionalista Galego, unha opción que garantirá un dobre obxectivo, pois permitirá “que Galiza teña unha voz propia e forte en Madrid e pór freo á dereita. Por iso animamos a coller a papeleta do 2x1. Non hai voto máis útil en Galiza que o voto ao BNG: o único que defende os intereses galegos en Madrid e que, ao tempo, vai contribuír a evitar un goberno de dereitas no Estado”.

O cabeza de lista do BNG pola Coruña ao Congreso, Néstor Rego, insistiu no acto do Milladoiro en que, o BNG vai demostrar nas vindeiras eleccións a confirmación da "dinámica positiva de crecemento" que ven experimentando nas últimas convocatorias, o que significaría un aumento destacado da representación no Congreso. Aspira así a  contar cun grupo galego forte "que sexa determinante e beneficie ás galegas e galegos".

Porque, para o foi portavoz no Congreso na última lexislatura, o traballo desenvolvido é a mellor proba de que o voto ao BNG é útil e iso demostrouse, por exemplo, na histórica baixada das tarifas da AP9 coa gratuidade da volta para usuarias asiduas, que se conseguiu cun só voto cando o PP non foi quen de acadar ningún desconto "mesmo cando gobernaba en Madrid e na Xunta".

Rego destacou tamén que, a do BNG é a única candidatura que ten mans libres para defender os intereses galegos, sen ningunha atadura como as dos partidos que contan coa sede central en Madrid", por iso considera que, desta volta, van conseguir apoios non só das persoas votantes habituais senón tamén de todas aquelas que, mesmo sen manifestarse nacionalistas nin de esquerdas, queren o mellor para o país e buscan contribuír a ter no Congreso voces que defendan os intereses e busquen solucións para os problemas.

Lección histórica da que aprender para votar

Neste sentido, enumerou algúns dos logros para Galiza que se conseguiron só cun voto do BNG e, afirmou así que, "demostramos que un só voto pode contar máis que os outros 22 que calaron ou mesmo votaron en contra de propostas nosas que defendían temas cruciais para Galiza, desde infraestruturas a dereitos de distintos sectores económicos e sociais".  O voto do BNG foi determinante no acordo de investidura e iso significou, segundo Rego, "non un cheque en branco, nin moito menos, senón poñer sobre a mesa temas fundamentais que supuxeron o desbloqueo da axenda galega e solucións a temas que levaban décadas agardando como a rexeneración da Ría do Burgo ou os descontos históricos na autoestrada".

Por iso, Néstor Rego insistiu en que das vindeiras eleccións é necesario que saia un grupo galego forte do BNG porque, como demostran as últimas lexislaturas, "cando o BNG é determinante, medran os investimentos para Galiza e, neste sentido, chegamos a conseguir máis de 2000 millóns de euros para paliar a discriminación histórica en 2008, 2009 e 2010, e logo baixáronse por volta dos 1000... esta é unha contundente lección histórica que temos que aprender e que ten que estar presente cando votemos o vindeiro 23X", dixo no acto do Millladoiro.

O BNG é, segundo concluíu, "a organización na que confiar, a que nunca defrauda, a que só se debe a Galiza". Fronte esta actuación previsíbel e coa que xa todo o mundo conta, Néstor Rego denunciou que os partidos con sede en Madrid compórtanse de maneira "submisa e bipolar, submisa porque dependen das ordes das direccións dos seus partidos que non teñen os nosos intereses entre as súas prioridades, nin moito menos, e bipolar porque votan de distinta maneira no Parlamento Galego e no Congreso... mais chegou a hora xa de desenmascarar esa actitude desleal...  cada vez máis galegos e galegas saben que só poden confiar no BNG porque é quen nunca vai defraudar".

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG