Congreso

Néstor Rego: “No Acordo de investidura incluímos a suba das pensións mínimas por encima do IPC”

Encontro A Coruña
Encontro A Coruña
Néstor Rego, Mercedes Queixas e Iago Mosqueira participaron nun acto con asociacións de persoas da terceira idade e colectivos de pensionistas para escoitar as súas propostas e trasladarlles as do BNG.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, a concelleira, Mercedes Queixas e o Reponsábel de Galiza Nova na cidade herculina, Iago Mosqueira participaron nun acto con asociacións de persoas idosas e colectivos de pensionistas para escoitar as súas preocupacións e problemas.

En liñas xerais, avanzáronse cuestións relacionadas coa inflación e o encarecemento da vida, a revalorización das pensións, o deterioro da calidade da sanidade e as dificultades para acceder a unha atención adecuada, a mellora dos servizos en materia de dependencia, as barreiras que implica a fenda dixital no acceso a trámites administrativos ou problemas de accesibilidade no urbanismo.

Iago Mosqueira introduciu o acto mostrando a inquietude da mocidade polo futuro do sistema público das pensións, preguntándose se “cando nós cheguemos á idade de xubilación poderemos ter pensións públicas” e animou a xente moza a loitar cóbado con cóbado co conxunto da sociedade en defensa do mantemento das pensións públicas, da sanidade e dos servizos sociais.

As pensións e a dependencia están no Acordo asinado polo BNG

O deputado do BNG no Congreso aproveitou o acto para explicar medidas recollidas no Acordo de investidura que benefician as persoas idosas e dependentes. “Incluímo, para alén da actualización das pensións conforme ao IPC como a vía para asegurar o poder adquisitivo dos pensionistas, a suba por riba do IPC das pensións mínimas e non contributivas para ir reducindo as fendas existentes: a de xénero e a territorial. Hai que lembrar que a Galiza ten as segundas pensións máis baixas do Estado e Ourense a máis baixa, case na metade (650 € menos) da máis alta. Con esta medida -que terá que verificarse cos orzamentos- o BNG confirma o seu papel útil á sociedade galega no Estado”.

Alén diso, Néstor Rego informou que no Acordo tamén recolle unha medida fundamental no ámbito da dependencia, como “o compromiso co Goberno de achegar 50% que corresponde ao Estado para o financiamento das actuacións da Lei de Dependencia”.

Neste marco, o parlamentar do BNG lembrou que o BNG rexeitara a reforma das pensións presentada polo Goberno a través do  Real Decreto-lei 2/2023 que teimaba nos aspectos máis lesivos das reformas de 2011 e 2013 como a consolidación da idade de xubilación nos 67 anos, a penalización da xubilación anticipada e o aumento do período de cómputo que aumento até os 29 anos.

Rego garantiu que o BNG vai continuar a traballar para reverter as reformas regresivas feitas no sistema público das pensións: “queremos recuperar a idade de xubilación aos 65 anos, coa posibilidade de xubilación parcial aos 63 e a despenalización da anticipada con 35 anos cotizados. Apostamos por incrementar as pensións mínimas como fixemos no Acordo e queremos reducir de novo o período de cómputo a 10 anos”.

Lembrou que a Galiza, para alén de contar con pensións das máis baixas do Estado, uns 15 puntos por debaixo da media estatal,  ten unha maior porcentaxe de pensionistas nun marco de encarecemento da vida e onde as pensións son en moitos fogares o único ingreso.

Mercedes Queixas: “O obxectivo do BNG é engadir vida aos anos, unha vellez digna”

Pola súa parte, Mercedes Queixas afirmou que a poboación máis vella de 65 anos representa máis de 25% da poboación galega e o obxectivo do BNG “é engadir vida aos anos cun modelo de coidados que responda ás necesidades das persoas”. Neste sentido, criticou a “mercantilización e privatización da vellez que fai o PP” salientando que Galiza ten a porcentaxe de prazas públicas máis baixa do Estado. Puxo de manifesto que o BNG quer “humanizar as residencias con centros de menor tamaño, primando o benestar e cun servizo específico”.

Explicou que “apostamos pola Creación do Servizo Galego de Benestar, reformular o SAF e o servizo Xantar na Casa, creación de Centros de noite, medidas para os coidadores, ampliar os mecanismos de respiro, apoio psicolóxico no domicilio e creación de redes de apoio. Queixas explicou con detalle estas medidas aos asistentes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG