Montse Prado reclama obras para mellorar o calado e as infraestruturas do porto da Pobra do Caramiñal

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado reclama obras para mellorar o calado e as infraestruturas do porto da Pobra do Caramiñal
  • Subscribe a demanda da confraría e dos produtores de mexillón nun peirao no que atracan varios centos de embarcacións

A portavoz de Pesca Montse Prado reclamou na Cámara os investimentos e obras necesarias para mellorar o calado do Porto da Pobra do Caramiñal e facilitar o atraque tanto das embarcacións pesqueiras ou marisqueiras como das deportivas que usan estas instalacións, xa que as actuais deficiencias teñen consecuencias en termos económicos e de seguridade.

A iniciativa do Bloque ten o respaldo da confraría e dos produtores de mexillón propietarios de bateas.

“O porto ten dificultades de calado que van en aumento e que dificultan o acceso ao peirao de moitas embarcacións polo incremento progresivo do nivel da area en particular cando hai mareas vivas”, explicou a deputada na Comisión de Pesca. “Canto antes se faga máis pronto se corrixirán os problemas que provoca a falta de calado”, indicou, ao tempo que tamén daba conta da “mala situación das instalacións portuarias” nas que amarran varios centos de embarcacións tanto da Pobra como doutras localidades.

Problemas co subministro de auga doce, insuficiente alumeado e deficiente mantemento das infraestruturas, “cuestións que para o día a día da xente do mar afecta as condicións nas que teñen que traballar, que deben ser dignas e seguras”, argumentou Prado.

O BNG tamén demandou a instalación de varios monolitos na zona de amarre para facer obras de reparación nas embarcacións, así como a instalación de ramificacións de pantaláns (fingers) que dan maior seguridade ao atraque en particular en momentos de temporal ou con mal mar. “Non parecen investimentos que vaian deixar xélidos os orzamentos de Portos”, ironizou a deputada, ante a negativa do PP a apoialas.

“Son demandas moi razoables, non son gravosas en termos económicos e facilitan o traballo da xente do mar”, indicou, por iso a proposta do Bloque debatida na Comisión de Pesca demanda a execución inmediata de obras de dragado para aumentar o calado do porto vello da Pobra do Caramiñal, así como as necesarias e rápidas obras de mantemento nas infraestruturas do peirao e a colocación de monolitos, cos correspondentes servizos de auga e luz, e pantaláns.