galegas 2024

Mercedes Queixas, en carballo: “o 18F miles de persoas collerán por vez primeira a papeleta do BNG, entre elas moitas e moitos ex votantes do PP”

Acto Carballo
Acto Carballo
“Non hai síntoma máis evidente de que nos encamiñamos cara un goberno presidido por Ana Pontón que a crecente manipulación do PP sobre a TVG nesta campaña”

Sprint final de campaña e a cabeza de lista do BNG por A Coruña, Mercedes Queixas, ofreceu un mitin en Carballo, no Mercado Municipal, acompañada no uso da palabra polo alcalde Evencio Ferrero e por Carolina Castiñeira e Daniel Pérez, números 14 e 5 da lista do Bloque.

Queixas mostrouse convencida de que estamos a vivir os últimos días do largo ciclo de gobernos da dereita que comezou en 2009. “O cambio é imparábel. Nótoo na cara das persoas que nos paran pola rúa. A onda de simpatía cara ao Bloque e cara á candidatura de Ana Pontón non fai máis que medrar”, dixo.

A clave do cambio pasa por que o 18 de febreiro “todas as persoas que queren unha mudanza no país concentren o seu voto na candidatura de Ana Pontón. A estas alturas xa ninguén pon en dúbida que a presidencia da Xunta é cousa de dúas persoas: ou o continuísmo de Rueda ou o cambio ilusionante que encarna Ana Pontón”.

Queixas avanza que o vindeiro domingo “miles de persoas collerán por vez primeira a papeleta do BNG, entre elas moitas e moitos ex votantes do PP”, descontentos “cun goberno que non lles soluciona os seus problemas” e que “ten colapsados os principais servizos públicos, a comezar pola sanidade”.

“Somos a candidatura das persoas que queren un cambio progresista e nacionalista, mais tamén daquelas que queren un futuro mellor para o País, servizos públicos ben financiados, políticas activas de vivenda protexida e impulso da economía produtiva, a que permita que as nosas mozas e mozos non teñan que emigrar”, dixo.

“Non hai síntoma máis evidente de que nos encamiñamos cara un goberno presidido por Ana Pontón que a crecente manipulación do PP sobre a TVG que se está a observar nesta campaña”, concluíu.

Por súa parte, Daniel Pérez denunciou que “o goberno do PP na Xunta ten demostrado un nulo compromiso con Carballo”. A título de exemplo, salientou que “o edificio da antiga cámara agraria se acha nun estado cada vez máis ruinoso” e que o Goberno galego ten feito ouvidos xordos á demanda dun cuarto xulgado.

Outras demandas de Carballo que foron sistematicamente desatendidas, “e que desde logo si serán tidas en conta polo goberno que encabezará Ana Pontón”, son unha vía de circunvalación que afaste o tráfico pesado do barrio do Chorís, un polígono industrial que xere economía e emprego e un centro de saúde dimensionado para un concello de máis de 30 mil habitantes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG