Mercedes Queixas ‘canta’ o rosario de incumprimentos do PP en Cultura e acusa a Román Rodríguez de liderar unha “axencia de márketing”

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

A deputada do BNG reprocha ao conselleiro que teña optado por unha política cultural “sectaria, de distancia e desprezo polo tecido produtivo cultural galego”

Critica que o Goberno galego presuma de ter os orzamentos máis altos da historia pero, en proporción, gaste en cultura o mesmo agora que hai 35 anos

A deputada do BNG Mercedes Queixas aproveitou a celebración do último pleno do período de sesións para facer balance do traballo en Cultura do Goberno do PP, ao que acusou de ter renunciado a facer política a favor do desenvolvemento cultural do País para centrarse, pola contra, “no sectarismo, na distancia e no desprezo polo tecido produtivo cultural galego”.

Nunha interpelación ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, Queixas ‘cantoulle’ a ladaíña dos seus incumprimentos, desde o plan de internacionalización da cultura galega, até o plan do libro e da lectura, a lei de transformación dixital da cultura ou a lei de bibliotecas, que está sen desenvolver, igual a de museos, a de arquivos e documentos, o plan integral para a danza, a estratexia da cultura galega 21 ou o plan de apoio a novos creadores e a rede de dinamización de centros culturais no rural, entre outras actuacións.

A deputada do BNG cantou os incumprimentos de Román Rodríguez á fronte da Consellería logo de que o este acudise ao Pleno a cantar cifras “como se tivese complexo de Niño de San Ildefonso”, ironizou Queixas, para quen o conselleiro representa a “falta de compromiso do PP coa cultura galega” liderando, non unha consellería senón “unha axencia de márketing e autopropaganda”.

Queixas afondou no seu balance acusando ao conselleiro de ter condenado á irrelevancia institucións estatutarias como o Consello da Cultura Galega e de deixar sen desenvolver órganos estatutarios como o Fondo Cultural Galego. “Vostedes asfixiaron economicamente o tecido cultura e as plataformas de creación públicas (CDG, CCG, CGAC, Filmoteca de Galiza...) e confrontaron con todos os sectores culturais desde unha nula capacidade para interlocutar”, proseguiu.

“Condenaron a cultura galega ao illamento ao impedir a creación do Instituto Rosalía de Castro como ferramenta de internacionalización, incumpriron a Lei Paz Andrade, desatenderon a igualdade de xénero, renegaron dos seus éxitos como o Bono da Cultura...”, continuou na súa avaliación a deputada nacionalista, e afirmou que  “no único no que non dubidaron no PP foi en seguir negando vida ao galego”.

Proseguiu facendo repaso dalgunhas das iniciativas do BNG ás que se opuxeron, dende declarar BIC as bandas de música até restituír a institución do Seminario de Estudos Galegos espoliada pola ditadura, modificar a letra do himno galego conforme os orixinais de Pondal, declarar BIC os mobles do Pazo de Meirás, protexer os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos da Coruña, protexer o monumento aos Mártires de Carral, crear o Conservatorio de Danza de Compostela o declarar BIC a música e o baile tradicional como patrimonio inmaterial.

Queixas reiterou que  “o Goberno galego gasta o mesmo en cultura agora que hai 35 anos”, xusto cando presume de ter “orzamentos expansivos e os máis altos da historia”. O que se destina agora á cultura, precisou, representa o 0,7 % do total dos presupostos, unha cifra que contrasta co 1,3 % acadado no ano 2005.

“A chegada do BNG á Consellería de Cultura supuxo un antes e un despois na política ”, destacou, referíndose a aquel como “un tempo que os sectores culturais, investigadores, xestores... recoñecen como o primeiro e único intento de iniciar unha estratexia cultura integral e con criterio desde a concepción da cultura como un ben esencia e ben común”.

Pola contra, dixo o PP optou por “inocular a política de desmantelamento  por sectarismo e porque sempre viron a cultura  con hostilidade”. “Disimularon mal co espellismo dos macro eventos, con procedementos de contratación opacos, vinculados ao turismo marca Xacobeo, centrado en catro empresas e reservado aos pases VIP para os seus”, apuntou.

“Pensaron que cortando a raíz, secarían o carballo”

Malia todo, subliñou  “a cultura galega seguiu o seu camiño cara adiante” gracias ao apoio da comunidade porque, “a cultura é un feito social”. Referiuse, neste sentido, a algúns dos éxitos conseguidos só neste 2023 por mulleres como Paula Carballeira e Yolanda Castaño, ao fito histórico de O Corno, dirixido por Jaione Camborda, ou ás Tanxugueiras, “amor polo noso, pola nosa lingua, pola nosa tradición, pola cultura oral gardada polas nosas informantes e transformadas en vangarda”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG