parlamento galego

Medio Rural recoñece ao BNG a demora do Plan estratéxico da Limia, previsto para o 2022, que aínda continúa en elaboración

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas critica os anuncios da consellería  de medidas  “das que nada se sabe”   e sobre as que o PP continúa dando “a calada por resposta” para resolver  a contaminación na  comarca

O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas pediu explicacións á Consellería de Medio Rural sobre o Plan estratéxico da Limia, o actual estado de contaminación da comarca, as medidas adoptadas e as previsións da Xunta ao respecto.

Pola súa parte, o director Xeral de Agricultura e Industrias Alimentarias José Balseiros Guinarte recoñeceu ao portavoz do BNG a demora no Plan estratéxico da Limia, previsto para o 2022 argumentando que o texto aínda continuaba en elaboración para incorporar novas modificacións.

Na súa intervención, o nacionalista criticou os anuncios da consellería de medidas “das que nada se sabe” e sobre as que o PP continúa dando “ a calada por resposta” para resolver a contaminación da comarca.

Rivas lembrou que  aparición de cianobacterias no encoro das Conchas, as denuncias ecoloxistas, ambientalistas e de cidadáns en xeral chegaron ao Parlamento no ano  2017 a través de diversas preguntas e Proposicións non de lei á instancias do BNG. O malestar social e a presión política, recalcou o deputado,  provocou a reacción do Partido popular creando a chamada Mesa da Limia en abril de 2019, formando parte dela, segundo confirmou o propio director Xeral, Balseiros Guinarte, todos os colectivos de agricultores, gandeiros, asociacións agrarias, distintos departamentos, diferentes centros de investigación, concellos da Limia, organizacións ambientalistas, colectivos ecoloxistas, o CETECA, a IXP Pataca de Galicia, e o  Linorde.

No mes de setembro de  2019, engadiu Rivas,  a Consellería consciente do problema, “polo menos en teoría” ironizou o deputado, anunciou algunhas medidas entre as que destacou “un Plan  estratéxico Agrario para a Limia, un Plan de formación, limpeza das canles, Plan de regadío, una Anteproxecto de Lei de Xestión de xurros e estercos” así como a grave ameza de declaración de zonas vulnerables por saturación de nitratos e fosfatos.     

Un Plan Estratéxico que o goberno non dá a coñecer  

O nacionalistas insistiu en que o Goberno do PP é coñecedor da ameaza de vulnerabilidade e a súa declaración será “outra estocada” para  os sectores agrario e gandeiro da Limia e advertiu que  os afectado e afectadas continúan a espera e sen saber “o que lles vén enriba”.

En abril de 2019  foi convocada a  primeira Mesa da Limia con máis de 140 persoas en representación de entidades públicas, privadas e profesionais. No ano  2020 coa  análise  rematada  encargouse  a redacción dun plan entregado a finais de 2021. 

 A xuízo do deputado, transcorreu  tempo suficiente para que a consellería iniciara “medidas correctoras” e mesmo pedir a Bruxelas o “adiantamento da declaración de vulnerabilidade que ameaza este territorio” e indicou que mentres tanto,  os pataqueiros usando abonos de síntese, químicos, porque “a ninguén da Consellería se lle ocorreu habilitar fórmulas de compostaxe que evitasen a lixiviación nas zonas inundables e poder así utilizar a  galiñaza”.

Tras a intervención do director Xeral de Agricultura, o deputado do BNG repreguntou se realmente existe o Plan Estratéxico da Limia e  cando será presentado polo goberno.

Que pensa facer o goberno galego ademais das medidas de modernización do regadío e limpeza das canles ? Vai declarar o goberno galego, zonas vulnerables na comarca da Limia?

O deputado do BNG concluíu a súa intervención afeando que Balseiros utilizara, practicamente a totalidade do seu tempo explicando as melloras do regadío da Limia pero ningunha mención a medidas especificas para amortiguar a contaminación difusa e a ameaza de declaración de vulnerabilidade. “Das conclusións da Mesa da Limia, a consellería só realizou medidas de pouco calado” para xustificar que estaba facendo algo cando en realidade, o PP continúa mantendo “unha posición covarde” para abordar o grave problema da contaminación na Limia.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG