GALEGAS 2016

Luís Bará: “O sector da biotecnoloxía ten moito que darlle a Galiza”

Biofabri
Biofabri
Luís Bará: “O sector da biotecnoloxía ten moito que darlle a Galiza”
  • O cabeza de lista de Pontevedra visitou hoxe as instalacións de Biofabri en Porriño e avogou pola innovación para facer máis competitivos os sectores produtivos no país

O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, visitou hoxe a empresa biotecnolóxica Biofabri, e salientou que “o sector da biotecnoloxía ten moito que darlle a Galiza”. Bará subliñou que “dende o goberno galego é preciso facer políticas de apoio a todo o que ten que ver co mundo da innovación e da biotecnoloxía, xa que estas deberían aplicarse con moitos réditos aos sectores produtivos galegos para convertelos en punteiros e facelos máis competitivos no mercado”.

Bará destacou que o BNG aposta pola interacción da investigación pública co mundo da empresa, reforzando unha rede de centros tecnolóxicos potente, así como o establecemento de redes de conexión entre as empresas, os centros especializados e as universidades. Así mesmo, o cabeza de lista por Pontevedra afirmou que é fundamental impulsar o incremento do gasto en I+D tanto no ámbito público como no privado, priorizando aqueles campos nos que o noso país ten unha forte especialización, experiencia e potencial de aproveitamento, así como apostando por campos de futuro nos que exista a posibilidade de abrir novas ventás de actividade.

O candidato explicou todos estes aspectos do programa do BNG logo de destacar o traballo de Biofabri. Lembrou que se trata dunha empresa cen por cen galega que ten as súas raíces nun proxecto empresarial como foi Zeltia, nacida nos anos trinta da man do nacionalista. De feito, Bará explicou que un dos impulsores dese proxecto orixinario “foi o mesmísimo Alexandre Bóveda”.

Hoxendía Biofabri é unha empresa punteira no mundo que desenvolve, produce e comercializa produtos biolóxicos e vacinas e que pertence a un grupo de capital totalmente galego que conta con 221 traballadores e 60 socios, vende en 70 países do mundo, ten relación con 20 multinacionais e dedica unha parte moi importante dos seus beneficios a investimento en I+D+i.

Os principais traballos que está a desenvolver na actualidade baséanse na creación dunha vacina de orixe biolóxica contra a tuberculose. De conseguir acadar este proxecto sería a primeira vez que unha empresa situada en todo o estado español é capaz de desenvolver unha vacina destinada ao consumo humano en toda a historia. Entre os ‘mecenas’ desta iniciativa que se estudia en O Porriño está Bill Gates por medio da súa fundación.

Segundo explicaron os responsables de Biofabri, existe un compromiso por parte da empresa de colaborar no control da enfermidade sen especular economicamente coa vacina, senón poñéndoa a disposición a prezos asumibles para cubrir as necesidades incluso nos países de menos recursos. Se as investigacións seguen frutificando como ata o de agora é previsible que a vacina estea a disposición no ano 2020.

Outra liña de traballo pola que se está a apostar é o desenvolvemento de produtos biolóxicos probióticos, especialmente destinados a nenos con problemas de dixestibilidade, así como para diarreas, otites ou problemas bucais.

Ademais de Biofabri, responsable de produtos destinados a persoas, existe outra rama da empresa, CZV, que ten como obxecto os produtos veterinarios. Neste ámbito a sociedade do Porriño é o primeiro fabricante europeo de vacinas contra a ‘lingua azul’ das vacas, ten a maior planta do mundo de produción de tuberculina (para a diagnose da tuberculose animal) e creou dúas vacinas únicas no mundo contra a enfermidade de John que afecta a vacas e ovellas e é similar á de Crohn en humanos.

“Este é un clarísimo exemplo desa Galiza emprendedora, desa Galiza ambiciosa e emprendedora que queremos dende o BNG, porque o noso país ten que dar un grande salto adiante que debe vir da innovación, do talento, do coñecemento e tamén da aposta pola modernización”, subliñou Bará.