Galegas 2016

Luís Bará: “É preciso un novo modelo de xestión do lixo na Galiza, o BNG aposta pola compostaxe”

Presentación do plan galego de compostaxe
Presentación do plan galego de compostaxe
  • O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra presentou hoxe en Cangas o Plan Galego de Compostaxe

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra ás eleccións galegas do 25S, Luís Bará, presentou hoxe en Cangas o Plan Galego de Compostaxe polo que aposta a forza nacionalista para poñer en marcha en Galiza un novo modelo de xestión do lixo máis económico, ecolóxico e ambientalmente sostible que sirva de alternativa ao actual do PP –a incineración-, que cualificou de “ineficaz, esgotado e contaminante”.

“É preciso que Galiza faga cambios profundos, valentes, ambiciosos. Galiza ten que decidir que quere ser e no ámbito do lixo é fundamental un cambio de modelo de xestión que supere a situación actual de monopolio de Sogama. Xa se intentou no seu momento no Morrazo coa planta de compostaxe da mancomunidade, que quedou parada, pero agora é preciso facer ver que ese cambio é real”, indicou, para engadir que se dan as condicións para demostrar que se poden facer cousas alternativas en materia de residuos. “Dase unha conxunción: Na Deputación estase a apostar pola compostaxe, igual que en moitos concellos do BNG... por iso o traballo cara a mesma dirección da Xunta é fundamental. Co BNG no goberno galego as nosas políticas para o lixo faríanse con moitas garantías”, explicou. “A nosa fórmula, a fórmula do BNG é coñecer o que se fixo noutros lugares e aplicar o modelo cos cambios máis acaídos para o país, e así facemos tamén co lixo”.

O candidato explicou que o BNG ten como obxectivo avanzar nun modelo de xestión de residuos baseados nos 3 R’s (reducir, reutilizar e reciclar) e no impulso da compostaxe. Para iso propón a implantación dun novo plan galego de residuos baseado en aproveitar a fracción orgánica do lixo -os restos de comida e cociña dos residuos urbanos, os lodos de depuradora, a biomasa de orixe vexetal e análogos- para obter compost.

Nese plan apostarase pola descentralización do tratamento de lixo (aforrando en transporte), impulsando medidas para mellorar a selección en orixe dos residuos, implantando a recollida porta a porta en todos os ámbitos nos que sexa viable, e adaptando a compostaxe doméstica no rural e en ámbitos dispersos como primeira alternativa.

O plan incluirá a realización dun inventario dos residuos compostables, a implantación de complexos de compostaxe de ámbito comarcal para aqueles lugares onde o lixo non se poida tratar in situ mediante centros de compostaxe comunitarios e individuais, e medidas para a valorización do compost, así como propostas para o fomento da investigación e prácticas vinculadas coa compostaxe.

Así mesmo, Bará avogou pola introdución de instrumentos económicos, en concreto por aplicar taxas á incineración ou aos vertedoiros, como xa ocorre en Cataluña e outros países, así como a reversión dos ingresos recadados coas mesmas á prevención e mellora da recollida separada, á reciclaxe e compostaxe de calidade.

Bará volveu facer un recordatorio do traballo que está a facer neste sentido a Deputación provincial da man dos concellos, coa instalación de centros de compostaxe comunitaria en 23 municipios da provincia, a promoción de composteiros individuais e a posible instalación de centros máis amplos de compostaxe para aquelas zonas nas que hai unha maior densidade de poboación. “Non só temos un proxecto, no BNG estámolo a poñer en marcha alí onde gobernamos, como na Deputación, no concello de Pontevedra ou nos municipios da mancomunidade do Morrazo, onde se están a dar pasos para aplicar a compostaxe e desenvolver a planta da mancomunidade para a súa finalidade inicial”, subliñou.

Pola súa banda, o presidente da mancomunidade e alcalde de Bueu, Félix Juncal, fixo un repaso histórico da planta de compostaxe da mancomunidade e lembrou que o proxecto foi ideado hai máis de 20 anos e logo paralizado por un cambio de goberno nos concellos do Morrazo. “Era un proxecto innovador, e promovía unha xestión racional do lixo dende o punto de vista ambiental e económico. No 1999, logo de catro anos de xestións, chegaron tres gobernos ‘populares’ que tiveron unha aposta antagónica ao previsto: o monopolio da incineración –dixo-. Agora imos retomar ese proxecto e é fundamental que o BNG teña un oco na Xunta para apostar tamén por iso”, subliñou.

Juncal tamén lembrou que o custe do tratamento do lixo é para os concellos un burato para as arcas municipais, xa que supón un gasto maior que o que se realiza en materia de subministro eléctrico para a iluminación viaria, de instalacións municipais e escolas, entre outras cuestións. “A taxa do lixo que se cobra tense que complementar con máis de 450.000 euros anuais en Bueu, cun millón de euros en Moaña e con 700.000 euros en Cangas”, finalizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG