Luís Bará pide á Xunta que cumpra o acordo da cámara e retire as inscricións Franquistas da igrexa de Cangas

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará pide á Xunta que cumpra o acordo da cámara e retire as inscricións Franquistas da igrexa de Cangas

O deputado por Pontevedra Luís Bará reclamou no Parlamento que a Xunta cumpra o acordo unánime da cámara galega e proceda á retirada das inscricións franquistas da Igrexa de Santiago de Cangas,  acordo que tiña decembro de 2017 como prazo de execución.

Bará apelou non só a ese acordo parlamentario senón tamén ao cumprimento do artigo 15 da Lei de Memoria Histórica que establece mesmo a posibilidade de retirar as subvención e axudas públicas a quen manteña símbolos franquistas: “As administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mención conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura. Entre estas medidas poderá incluírse a retirada de subvencións ou axudas públicas”.

O deputado nacionalista tamén lembra que se trata dunha petición “expresa” do Goberno local de Cangas e de diferentes colectivos sociais do municipio, ao considerar que esas inscricións son “unha ofensa ás vítimas do franquismo ademais de poñer  en evidencia a complicidade da Igrexa católica coa ditadura”, indicou.

“Tamén son unha agresión contra un patrimonio arquitectónico e cultural que ten séculos de historia e dado que a Xunta ten competencias en patrimonio cultural e hai unha comisión Xunta-Igrexa católica, o Goberno galego debe adoptar as medidas necesarias para facer efectivo o acordo do Parlamento, mesmo retirar as subvencións por incumprimento da lei”, subliñou.

Bará reprochou ao PP “que repita que condenan o Franquismo pero na práctica non fan nada, nin sequera cumprir os acordos deste Parlamento para corrixir agresións ao patrimonio cultural, e non se pode despachar o asunto suxerindo que se use a vía xudicial para resolvelo”, concluíu.