Parlamento Galego

Luís Bará dille ao PP que con slogans non se frea deslocalizacion da automocion

LUISBARA PLENO8M 1
Luís Bará
  • Bará a Conde: “Mentres vostede está na autocompracencia do slogan de industria 4.0, Portugal ten unha política de Estado para este sector”
  • Aposta por unha tarifa eléctrica galega aproveitando os recurso do país para ganar competitividade

O deputado por Pontevedra, Luís Bará, reclamou á Xunta no Parlamento que elabore unha estratexia para combater a deslocalización de empresas do sector do automóbil cara Portugal, que está facendo perder emprego e oportunidades en Vigo e a súa área de influencia onde este sector ten un peso clave.

Entre as medidas que formula o BNG, poñer no mercado solo empresarial a prezos competitivos, e valorar os incentivos económicos, fiscais e administrativos. Tamén hai que analizar, dixo, as prácticas de competencia desleal nas que poda incorrer o país veciño.

“Estamos falando dun sector estratéxico para Vigo e para o conxunto de Galiza que nos últimos anos perdeu 2.000 empregos mentres en Portugal creou 6.000, e que ademais está sufrindo unha presión á baixa nas condicións laborais dos e das traballadoras”, indicou Bará na súa interpelación ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, a quen reprochou estar instalado na compracencia.

“Mentres Portugal ten unha política de estado para este sector, captando investimentos das auxiliares, das multinacionais e mesmo empresas de matriz galega, a Xunta e vostede en particular está instalado na autocompracencia, na foto propagandística e no slogan da industria 4.0, pero é mais ben a industria 4.0 en fuga, en desbandada cara ao norte de Portugal”, criticou.

Bará recomendou a Conde poñerse de acordo co vicepresidente Alfonso Rueda que xa fala de fuga de empresas cara o país luso.

“Non sei se están no mesmo Goberno pero teñen discursos distintos. Vostede nega a deslocalización, mentres Rueda fala de que están analizando as causas da fuga de empresas porque pode chegar a ser un problema moi importante. Eu dígolles que xa é un problema moi importante para o sector”, alegou o deputado.

Bará puxo encima da mesa o abaratamento do solo empresarial como unha das medidas que deberían formar da estratexia da Xunta para frear a actual sangría cara o país veciño. “Poñan solo industrial no mercado a prezos competitivos”, instou, tras criticar que a Plisan, -chamado a ser o gran parque empresarial de Vigo-, leva 17 anos de tramitación é aínda non está operativo.

Para frear a deslocalización, o BNG tamén defende implantar unha tarifa eléctrica galega e aproveitar como vantaxe competitiva de ser Galiza un país produtor excedentario de enerxía. Ademais, demanda da Xunta que as cuantiosas axudas públicas ao sector do automóbil sirvan tanto para loitar contra a deslocalización como para garantir os dereitos dos e das traballadoras.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG