Galegas 2024

Luís Bará chama á mobilización e a unir na papeleta do BNG todo o voto do cambio para conseguir un tempo novo para Galiza

Presentación Pontevedra
Presentación Pontevedra

O cabeza de lista destaca que o ambiente arredor do Bloque “é extraordinario”

Reivindica que o BNG presenta propostas sobre as necesidades do territorio e da xente “ofrecendo alternativas para resolver os problemas de Pontevedra”

“Hoxe comeza a conta atrás para o cambio galego”. O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, abriu hoxe a campaña na cidade do Lérez, chamando á mobilización e a concentrar na papeleta do BNG o voto de todas as persoas que queren derrotar ao Partido Popular, incluso daquelas que en anteriores eleccións votaron a outras forzas políticas, para que o vindeiro 18F haxa un cambio de época para Galiza con Ana Pontón como primeira presidenta da historia do país abrindo “un tempo novo”. “Que non se perda nin un só voto”, pediu.

Acompañado do alcalde de Pontevedra Fernández Lores, da senadora Carme da Silva, de concelleiros e concelleiras do goberno local, así como doutras representantes orgánicas e institucionais do BNG, Bará destacou que a agrupación nacionalista está a recibir moita ilusión e apoio da cidadanía, “que vai medrando arredor da figura da candidata Ana Pontón”.

“O ambiente é extraordinario, como nunca, -dixo- pero non hai aínda nada feito”, recoñeceu. Subliñou que os días que faltan cara o 18F van ser decisivos porque hai moita xente que aínda non decidiu o voto nin sequera se vai votar. Por iso asegurou que o BNG fará a mellor campaña da historia para ter tamén o mellor resultado da historia, “superar todos os teitos electorais e derrotar o PP, gañar estas eleccións e abrir un tempo novo para o noso país”.

O cabeza de cartel subliñou que o BNG está a facer unha campaña baseada en propostas, falando dos temas de Galiza, dos problemas da xente, pensando nas necesidades do territorio e ofrecendo alternativas e ideas “para resolver os problemas de Pontevedra e a súa área” fronte ao intento de levar os debates a temas alleos. Tamén salientou a figura política de Ana Pontón, da que dixo, “ten unha grande capacidade de magnetismo e atracción, de mobilizar voto de todo tipo de xente”.

Neste sentido, dirixiuse “ás persoas que lle quere a este país independentemente do que votase noutras eleccións, porque hai moitas maneira de sentirse galegas e galegos” para pedir o seu apoio. Sinalou que o BNG vai ir a por todas, a disputar e a gañar ao Partido Popular, chegando a todos os ámbitos e todos os sectores para propiciar non só un cambio de goberno, “senón un cambio histórico, un cambio de época con Ana Pontón como a primeira presidenta da historia, mobilizando toda a esperanza de todo un pobo que quere un cambio”.

Bará insistiu en que o resultado destas eleccións vai decidirse por poucos votos e salientou que van ser decisivos dous factores, o primeiro que haxa un incremento da participación con respecto ao ano 2020 chegando a un mínimo do 65%, e o segundo que todo o voto do cambio se concentre na papeleta do Bloque, a única alternativa real, dixo, para disputar a Presidencia da Xunta ao Partido Popular. “Se iso pasa, o cambio vai estar asegurado”, garantiu, advertindo que non se debe perder ningún voto “posto que se se dispersa favorece ao Partido Popular”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG