Galegas 2020

Luís Bará aposta por relanzar o proxecto do Centro de Reparacións Navais para captar traballo estable para estaleiros e auxiliares de Vigo e Morrazo

Encontro naval
Encontro naval

O cabeza de lista do BNG subliña a importancia da innovación e a alta cualificación do persoal como chaves para competir

Avoga por desenvolver dende a Xunta un plan estratéxico para o sector naval en alianza coas universidades e o sector empresarial

Relanzar o proxecto do Centro de Reparacións Navais para captar traballo estable para estaleiros e auxiliares de Vigo e Morrazo. Ese é un dos obxectivos que o cabeza de lista do BNG, Luís Bará, plantexou hoxe nunha visita á empresa Montaxes Cancelas en Moaña, onde avogou por desenvolver dende a Xunta un plan estratéxico para o naval en alianza coas universidades e o sector empresarial no que se potencie a innovación, a investigación e a alta cualificación do persoal como chaves para que o sector galego sexa competitivo.

Bará, acompañado do tamén candidato pola comarca Paulo Ríos Santomé ‘Kai’, á alcaldesa de Moaña Leticia Santos e os concelleiros Odilo Barreiro, Coral Rios e Juan Parcero, mantivo unha reunión coa dirección de Montaxes Cancelas na que se comprobou o enorme potencial que ten o sector e a industria naval en Galiza e concretamente na ría de Vigo, para as áreas de Vigo e Morrazo.

O cabeza de cartel destacou a necesidade de que haxa un goberno galego que impulse e que teña un plan estratéxico de desenvolvemento para o sector naval. Segundo afirmou é preciso apostar pola diversificación no traballo e tamén pola innovación, factores determinantes ao seu entender, e eixos dunha necesaria alianza estratéxica no goberno galego, as universidades e tamén o sector empresarial. “Non podemos ser competitivos con salarios baixos porque a industria en Galiza ten unhas relacións laborais e uns convenios que son moi importantes, pero si podemos ser competitivos na investigación, na innovación e tamén na alta cualificación do persoal traballador e na especialización. Aí hai un grande traballo por facer se realmente hai un goberno que aposta realmente por esta vocación innovadora do país”, explicou.

Neste sentido, apuntou que “o centro de reparacións navais na ría de Vigo é unha necesidade que tería capacidade de captar traballo de maneira estable e continuada porque Galiza é a zona de tránsito de tráfico de barcos a nivel mundial”. Lembrou que existe un anteproxecto do ano 2008 que quedou ‘gardado no caixón’ e subliñou que “este é o momento de que o goberno galego liderado polo BNG o recupere e impulse como un sector que crearía riqueza e moito traballo na ría de Vigo, na área de Vigo e tamén no Morrazo”, dixo.

O BNG, apuntou tamén, propón un plan de industrialización da comarca de Vigo xa que a industria ten que ser un sector absolutamente central no futuro do país. “Nesta área ten que pilotar arredor de sectores tradicionais como son a automoción e o naval e con outros sectores que teñen potencial de futuro, sobre todo na especialización e alta tecnoloxía”, explicou, destacando que con respecto á ría é fundamental recuperar e impulsar Vulcano e resolver os atrancos que está a poñer o Porto de Vigo para a continuidade do asteleiro e impulsar un proxecto empresarial galego.

Ademais da visita a Montaxes Cancelas, o cabeza de lista do BNG tamén se reuniu con representantes da Plataforma de empresas afectadas polas débedas do naval , aos que manifestou o total apoio da forza nacionalista e o compromiso de, ao chegares á Xunta, prestar asesoramento para resolver a problemática dos embargos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG