galegas 2024

Luís Bará anuncia que o BNG aprobará un plan integral de apoio ao comercio local para xerar emprego, que os beneficios queden no país e dinamizar os centros urbanos

Reparto Vigo
Reparto Vigo
O cabeza de lista subliña a importancia de recuperar contornas comerciais como fixo o goberno municipal do Bloque no Calvario en Vigo

O goberno do BNG será “un goberno aliado” a favor do comercio local e de proximidade e aprobará na Xunta un Plan Integral de Promoción do Comercio de Proximidade para fortalecer a súa posición competitiva e frear a perda de tecido comercial actual. O cabeza de lista do Bloque na provincia de Pontevedra, fixo hoxe este anuncio no mercado do barrio do Calvario en Vigo, onde presentou propostas do BNG para o sector, do que dixo “é chave para dinamizar os centros urbanos e os barrios, para crear emprego e tamén para que os beneficios queden no país e se reinvistan aquí”.

O Plan Integral de Apoio ao Comercio terá cinco grandes eixos, segundo explicou Bará. O primeiro é unha moratoria á implantación de grandes superficies comerciais e un imposto para gravar os seus beneficios para que unha parte queden no país; en segundo lugar reclamarase do goberno central as competencias de regulación dos horarios comerciais e tamén das datas das rebaixas para evitar a competencia desleal ao comercio de proximidade.

Praza Vigo
Praza Vigo

Porase en marcha un plan de mellora dos equipamentos comerciais e da súa competitividade apoiando os centros comerciais urbanos e tamén os mercados de abastos municipais “como este do Calvario, coa dinamización e recuperación das súas contornas como se fixo, e é un exemplo, dende o goberno municipal do BNG en Vigo”.

En cuarto lugar, traballarase para desenvolver un programa de modernización e mellora da xestión das áreas comerciais cun fondo de avais para incentivar o investimento nos centros comerciais urbanos. Por último, implantarase tamén un plan de dixitalización e competitividade online para o comercio tradicional e local para competir coas grandes plataformas en liña mediante unha gran plataforma galega para a comercialización en rede dos produtos do comercio local.

Bará asegurou que o plan de apoio debe ser deseñado de maneira aberta e participativa contando activamente cos comercios, o tecido asociativo, as distintas consellerías e as organizacións sindicais. Sinalou a potencialidade do sector para dinamizar a economía e o seu papel como xerador de emprego; poñendo en valor a produción propia, apostando por un consumo sostible e polo seu papel fundamental para a cohesión e dinamización de vilas e cidades, configurando o espazo urbano e facilitando que rúas e prazas sexan lugares de encontro.

Finalizou o cabeza de lista asegurando que nas eleccións do vindeiro 18F, ademais de escoller entre a Galiza do futuro de Ana Pontón e “unha que só mira ao pasado” con Rueda, “tamén hai que escoller que tipo de comercio queremos”. “Se queremos apoiar as grandes superficies comerciais a papeleta é a do Partido Popular, se se quere apoiar o comercio local de proximidade e os produtos galegos a papeleta que hai que escoller é a do BNG, porque é a forza que apoia o comercio tradicional, local e os produtos galegos”, asegurou.

Acompañado das tamén candidatas Alexandra Fernández, Carmela González e Brais Ruanova, ademais da eurodeputada Ana Miranda e outros cargos orgánicos e institucionais do BNG na cidade de Vigo, Bará fixo un percorrido polos postos do Mercado do Calvario (onde mercou unha robaliza) e participou co grupo nun reparto de propaganda electoral na contorna.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG