Feijóo ten que vir ao Parlamento a explicar o fiasco eólico tras paralizar o concurso do bipartito

Ana Pontón e Noa Presas
Ana Pontón e Noa Presas

“Perdéronse miles de empregos, Galiza retrocedeu no desenvolvemento eólico e sancións de 3M€, que debería pagar co seu patrimonio persoal”

Feijóo ten que vir ao Parlamento a explicar o fiasco eólico tras paralizar o concurso do bipartito

O BNG pide a comparecencia do presidente da Xunta para que explique no Parlamento o “fiasco” eólico do Goberno de Feijóo, que arrancou coa paralización dun concurso eólico “impoluto e absolutamente legal” por mero “sectarismo político”, e trouxo como consecuencia a perda de miles de empregos e millóns de investimentos, un retroceso nas posicións de Galiza e sancións que suman tres millóns de euros.

“Por que os galegos e as galegas temos que pagar estes tres millóns de euros debido a actuación sectaria de Feijóo a cambio de seguir regalándolle a explotación do noso vento as súas empresas amigas?”, interpelou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen instou ao xefe do Executivo “a pedir perdón polo engano, por sustentar con mentiras desmontadas polo TSXG a anulación dun concurso legal, porque as mentiras non poden ser a carta de presentación dun político”.

Pontón subliñou que a decisión de Feijóo foi “un erro garrafal” que privou a Galiza de ter participación pública na explotación dun recurso natural e, polo tanto,  “de obter beneficios que quedan exclusivamente en mans de empresas privadas”, ao tempo que denunciaba os paupérrimos resultados do que o PP anunciara como “gran plan industrial para o sector eólico”.

“Dos 14.000 empregos prometidos, apenas un 13%, e tampouco serviu para saír da crise, pola contra perdéronse proxectos empresariais estratéxicos e Galiza perdeu posicións no desenvolvemento eólico, caendo da segunda a cuarta posición, e sendo o territorio con menor impulso desta enerxía desde 2008”, denunciou a dirixente do Bloque.

A este balance súmanse as perdas millonarias con cargo ao erario público que Pontón considera debería asumir Feijóo do seu propio peto. “Que pague co seu patrimonio persoal estes tres millóns de euros derivados dunha decisión sectaria, antes de que llo reclame o Tribunal de Contas”, pediu a portavoz nacionalista, quen aventurou que dada a política deste tribunal nos últimos meses “non tardará en chamar a declarar ao presidente de Xunta por unha decisión que roza a ilegalidade para que responda co seu patrimonio persoal”.

A comparecencia de Feijóo que demanda o BNG tamén serviría, como explicou a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, para facer balanzo da política do PP en materia de enerxía eólica, “cun resultado moi lesivo para as empresas galegas” ao tempo que advertía dos cambios lexislativos que está levando a cabo o Executivo nesta materia.