Feijóo dá un paso atrás e rompe a unidade das forzas políticas aceptando o veto á transferencia da AP-9

15137537_1138115459571415_206222002570555584_o
15137537_1138115459571415_206222002570555584_o
Feijóo dá un paso atrás e rompe a unidade das forzas políticas aceptando o veto á transferencia da AP-9
  • Confírmase a irrelevancia política do presidente da Xunta: nin AP9, nin prazos de finalización do AVE, critica a portavoz nacional

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegura que a reunión entre o ministro de Fomento e o presidente da Xunta confirma que o Goberno central veta a transferencia da AP9 pese a ser unha reclamación unánime do Parlamento, e que Feijóo acepta ese veto rompendo a unidade das forzas políticas e, demostrando de paso, o seu escaso peso político en Madrid.

Nin transferencia da AP9, nin confirmación de finalización de prazos do AVE en 2018, pese a ser o enésimo retraso na chega da alta velocidade, sintetizou Pontón.

“Hoxe na práctica o ministro de Fomento pechou a porta á transferencia da AP9 dicindo o mesmo que leva dicindo o Goberno central desde os últimos anos: Que non está disposto a transferir a AP9 ao noso país”, indicou Pontón, quen considera a comisión bilateral “unha maneira educada de dicirlle non a Feijóo”.

Para a dirixente nacionalista, “o sorprendente é que, en lugar de defender o acordo unánime do Parlamento galego, Feijóo acepte de bo grado esta negativa e lancen unha cortina de fume, que non imos aceptar porque o BNG  vai seguir apostando pola unidade de todas as forzas políticas para conseguir unha AP9 galega e libre de abusivas peaxes”.

“É unha pena que non aproveitara esta xuntanza para dicirlle ao ministro de Fomento que non entendemos desde Galiza como se pode dicir que hai miles de millóns de euros para rescatar unhas autoestradas absolutamente ruinosas –as radiais madrileñas- e, ao mesmo tempo, se nós diga que non hai nin un só euro para rescatar aos galegos e as galegas dunhas peaxes abusivas”, alegou.

Pontón insta ao xefe do Executivo a manter a unidade das forzas políticas sobre esta demanda e cualificou de “engano” as conclusións do encontro bilateral, incluíndo a falta de concreción sobre o AVE. “Moi preocupante que non defendese ante o ministro que Galiza non pode permitirse máis retrasos na  modernización do ferrocarril, nin a confirmación da data de 2018 pese a ser o enésimo aprazamento da finalización das obras do AVE”, indicou, ademais de reclamar un servizo de cercanías “como xa teñen en marcha outros territorios do Estado español”.