Educación comprométese co BNG a habilitar un espazo no CEIP María Barbeito para facilitar 40 prazas de comedor escolar

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas aplaude a medida pero lamenta que a Xunta só reaccionase despois de saber que o BNG levaría ao Pleno do Parlamento as queixas da ANPA

A portavoz de Educación do BNG, Mercedes Queixas aplaudiu o compromiso do conselleiro, Román Rodríguez para iniciar a obra no CEIP María Barbeiro que facilitará 40 prazas de comedor escolar, até agora excluídas por falta de espazo.

A nacionalista aplaudiu o anuncio do titular de Educación pero lamentou que a Xunta “só reaccionase” despois de saber que o BNG levaría ao Pleno do , en forma de pregunta ao goberno, as queixas da ANPA.

Tras a intervención do conselleiro, a deputada nacionalista indicou que a falta de espazo para o comedor leva anos sen solución a pesar das queixas e demandas das familias e a comunidade educativa do CEIP María Barbeiro da Coruña e preguntou en que prazos e con que orzamento contará a obra. Na intervención Queixas  aproveitou a disposición do conselleiro para estender o seu compromiso a restituír o profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e  Audición e Linguaxe (AL) para alumnos con necesidades educativas que están sen atender e demandado polas familias dende o inicio do curso escolar.

A deputada tamén  explicou que o CEIP María Barbeiro está situado no populoso barrio da Agra do Orzán, “un dos colexios que presenta maior matrícula en toda a cidade, superando os 600 alumnos e alumnas neste curso”.

O medre continuado de alumnado matriculado implica maior demanda de prazas de comedor escolar; na actualidade máis de 200 alumnos xantan neste centro nun servizo de comedor “xestionado con grande esforzo, compromiso e responsabilidade pola ANPA por renuncia da Xunta a ofrecer un servizo complementario básico”.

Ademais, en opinión da nacionalista, o comedor escolar  cumpre dous obxectivos: “dar resposta ás necesidades de conciliación familiar e compensar a imparábel suba de prezos de alimentos básicos que tantas dificultades está a crear en barrios de clases populares coma este”.

Fronte a un goberno que renuncia a buscar solucións que melloren a vida das persoas, que normaliza a exclusión e a discriminación, “no BNG comprometémonos coa defensa dos dereitos fundamentais” de aí a urxencia de traer hoxe ao  Parlamento galego as reivindicacións das familias afectadas pola falta de espazo para ampliar as prazas de comedor e  profesorado necesario, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG