Concello de Rianxo e Deputación avanzan no proxecto de vila literaria coa casa-museo de Rafael Dieste

Adolfo Muíños (alcalde) e Goretti Sanmartín (Vicepresidenta da Deputación da Coruña)
Adolfo Muíños (alcalde) e Goretti Sanmartín (Vicepresidenta da Deputación da Coruña)

Coa sinatura do convenio que fará realidade o museo da casa Rafael Dieste, na Rúa de Abaixo, a Deputación da Coruña e o Concello de Rianxo avanzan no deseño de vila literaria, un proxecto que tanto Goretti Sanmartín como Adolfo Muiño definiron como “emblemático para a cultura galega”.

Concello de Rianxo e Deputación avanzan no proxecto de vila literaria coa casa-museo de Rafael Dieste

A poucos metros da casa de Castelao e da que xa é museo de Manuel Antonio, abrirase a casa-museo de Rafael Dieste, na Rúa de Abaixo que concentra a memoria de tres figuras clave da literatura galega. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, a nacionalista Goretti Sanmartín Rei e o alcalde do BNG de Rianxo, Adolfo Muíños, asinaron na propia casa que habitou Rafael Dieste o acordo que fará realidade a apertura ao público da casa do autor de A fiestra valdeira -obra que recrea a vivenda-, un proxecto para o que se estima un orzamento total de 236.820,82 €, do que 189.456,66 €, o 80 % proveñen de fondos da Deputación.

“Con este proxecto, queremos impulsar a condición de Rianxo como vila literaria, tamén como motor de dinamización turística e económica, á maneira doutras casas de referencia no país como a de Rosalía de Castro en Padrón que son espazos moi visitados, non só pola propia veciñanza que lle dará uso, senón tamén por estudantado e persoas que queren renderlle homenaxe aos tres autores que viviron nesta rúa”, sinalou a nacionalista Goretti Sanmartín Rei no acto de sinatura do acordo que se desenvolveu na propia casa de Rafael Dieste e no que tamén participou a concelleira de Cultura de Rianxo, Adelina Ces.

“Para nós é unha obriga contribuír a difundir o legado destas tres figuras nun concello que aposta pola cultura que forma parte da súa identidade cun tesouro para a veciñanza mais tamén que se proxecta para o mundo, á maneira da propia figura de Rafael Dieste”, engadiu Goretti Sanmartín que destacou a potencialidade das casas literarias como atractivo turístico, cultural e económico. “Coa apertura da casa de Rafael Dieste, a poucos metros do museo de Manuel Antonio e tamén da casa de Castelao, Rianxo consolídase como un lugar emblemático do noso país e a súa cultura”, concluíu na súa intervención a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Pola súa parte, o alcalde do BNG de Rianxo, Adolfo Muíños, recoñeceu que desde a Deputación da Coruña se considerase a iniciativa como un “proxecto singular, de país, en clave galega”. Anunciou que, de inmediato, desde o Concello comezarán as xestións para a contratación da obra coa idea de que nun prazo de dez meses se poda xa abrir a casa ao público. “Coa apertura da casa de Rafael Dieste, a poucos metros da de Manuel Antonio e a de Castelao, a Rúa de Abaixo é un referente para a visita turística e cultural non só para Rianxo senón para todo o país e para o mundo, en especial nos países e nas amplas relacións en que a familia Dieste deixou pegada”, explicou Adolfo Muíños que se congratulou por un novo “espazo gañado para a cidadanía e a cultura galega, ademais de facer xustiza coa memoria do escritor”.

O alcalde de Rianxo adiantou tamén algúns dos materiais que formarán parte do futuro museo de Rafael Dieste como mobiliario orixinal que xa foi restaurado, o piano, coleccións de partituras e primeiras edicións da obra e lembrou que, en vida do escritor e a súa muller Carmen Muñoz, a casa era centro de irradiación cultural en que se sentía a música ao vivo e se prestaban libros antes de que “esta vivenda padecera tamén a longa noite de pedra”.

O proxecto que agora inicia o seu percorrido inclúe obras de cimentación, saneamento e pluviais, consolidación a estrutura, albanelería, carpintería interior, instalación eléctrica e protección contraincendios, instalación de fontanería e calefacción, revestimentos e ascensor e rematará coa apertura ao público do inmóbel reconstruído cunha sala de actos e exposicións na planta inferior e a recreación dos espazos máis vinculados á vida do escritor no primeiro andar coa galería que dá ao mar e que está presente na obra A fiestra valdeira.


 

A casa de Rafael Dieste é unha construción blasonada do século XVIII situada no centro histórico de Rianxo e leva deshabitada desde a morte do escritor, hai un cuarto de século. Foi adquirida polo concello de Rianxo en 2007 e no ano 2012 desenvolveuse unha intervención sobre o tellado e as fachadas.