parlamento europeo

A Comisión de Pesca da Eurocámara aproba o informe sobre bandeiras de conveniencia presentado por Ana Miranda

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG defende o aumento da seguridade marítima internacional para evitar outro Prestige

A Comisión de Pesca do Parlamento Europeo aprobou hoxe o informe presentado pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, sobre as bandeiras de conveniencia, que modifica a Directiva 2009/21/CE posta en marcha tras o accidente do Prestige. “A aprobación deste informe sobre o cumprimento das obrigas do Estado de abanderamento é un paso máis no reforzo das medidas de seguridade marítima internacional, que tanta relevancia ten para o Corredor de Fisterra”, destaca Miranda.

Para a eurodeputada nacionalista os pavillóns de conveniencia aínda representan graves problemas referidos á seguridade, ás condicións de traballo, á trazabilidade dos produtos da pesca e ás condicións de competencia equitativas, polo que considera “moi importante para a costa galega a posta en marcha de medidas que supoñan aumentar a seguridade marítima encamiñadas a evitar outro Prestige”.

Ana Miranda sinala que o Corredor de Fisterra é unha zona altamente sensible ás cuestións relacionadas coa seguridade marítima, xa que por el pasan numerosos barcos con bandeira de conveniencia. Precisamente a raíz do accidente do Prestige, acontecido en novembro de 2002, a Comisión Europea desenvolveu un paquete de seguridade marítima xa que esta catástrofe puxo de manifesto importantes deficiencias na resposta do Goberno español —sinaladas na Resolución do Parlamento Europeo posterior ao accidente—, así como disparidades dentro da Unión Europea en materia de seguridade marítima.

Situación dos bancos marisqueiros

Por outro lado, a raíz da intervención da directora xeral da DG Mare, Charlina Vitcheva, na Comisión de Pesca, a eurodeputada do Bloque fixo un balance negativo “empezando polo Comisario, ao que non lle importou nada a pesca”, polo que expresou o desexo de ter un seguinte Comisario ao que si lle importe e traballe polo sector. Mencionou ademais o rexeitamento do sector pesqueiro á eliminación da pesca de fondo e o regulamento de control, así como a grave ameaza da eólica mariña.

“Un mariñeiro ou unha mariscadora non queren ser camareiros, queren seguir traballando no sector”, sinalou, ao tempo que explicou a situación que están atravesando este sector en Galiza, que vive as repercusións da falta de planificación do goberno galego “deixando sen ampliar os fondos necesarios que se poderían ter usado para apoiar á pesca artesanal e o marisqueo”. Ademais de comentar a preocupación polos TAC’s e cotas en relación á xarda, entre outras especies, Ana Miranda finalmente preguntou se o fondo FEMPA pode ser utilizado polo sector marisqueiro dada a grave situación que atravesa.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG