Xerais 2023

Carme Da Silva: “Na provincia de Pontevedra xógase un escano entre PP e BNG e a papeleta do BNG é a de quen quere o mellor para Galiza e dereitos e liberdades”

Acto Pontevedra
Acto Pontevedra

A cabeza de lista asegura que a campaña demostrou que a única solución para que Galiza estea con potencia no Congreso é o Bloque Nacionalista Galego

“Este domingo hai que votar con orgullo e cabeza alta na defensa de Galiza e das maiorías. O BNG é a opción de país, de Galiza, das persoas incorformistas, ecoloxistas e rebeldes, feministas que lle queren a esta terra e confían nas súas posibilidades. Máis BNG é garantía de menos dereita. Máis BNG é garantía de mellores infraestruturas, mellores dereitos, rías saneadas. A quen quere o mellor para Galiza, a quen queira dereitos e liberdades, dígolles que en Pontevedra, onde hai un escano en xogo entre o PP e o BNG, a papeleta do BNG é a túa papeleta”. Así finalizou o seu último acto de campaña a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, hoxe no Campiño de Santa María en Pontevedra, acompañada do alcalde da cidade Miguel Anxo Fernández Lores e de cargos orgánicos e institucionais da formación nacionalista.

Visiblemente “moi ilusionada e moito máis emocionada” a candidata ao Congreso subliñou que o BNG ten na man conseguir o grupo galego forte que o país necesita. Subliñou que a destas xerais foi unha campaña na que “de Galiza só falou o BNG”, e na que “nos quixeron facer crer que o bipartidismo é a única solución. Nós demostramos a un montón de galegas e galegos que a única solución é o BNG, que a solución é que o país estea con potencia no Congreso”, salientou.

Da Silva agradeceu de corazón o traballo feito pola militancia, voluntariado e persoas simpatizantes: “Ver as vosas caras, o traballo feito nestes 15 días e o que xa fixerades antes. Ver como cada unha das persoas afiliadas e simpatizantes o deu todo, nos repartos, nos actos convencendo a veciños e veciñas... é emocionante. Porque esa foi a campaña do BNG, a nosa campaña, a da rúa, non a dos que falan pola televisión, que non falan das cousas que nos importan a galegos e galegas. Esa e a nosa campaña”, salientou.

Pese a todo, a nacionalista pediu un esforzo final no tempo que falta ata o domingo 23 ás 20 horas “para traballar polo que tanto precisa este país, que é un grupo galego forte do país, do BNG no Congreso, con forza e enerxía”. Afirmou que cando consiga a acta de deputada no Congreso “todas e todos vindes para Madrid comigo. Sodes a mellor xente coa que se pode traballar. A seguir con esta ansia!”, arengou.

Pola súa banda, dende o campiño de Santa María, o alcalde de Pontevedra tamén subliñou ter o corazón e a cabeza dividido porque Pontevedra vai perder unha gran concelleira, “alguén especial, que ten o concello metido na cabeza e unha clarividencia política importantísima que fai moita falta”, pero salientou que “vai facer unha grande deputada en Madrid”.

Destacou tamén, igual que a cabeza de lista, que nesta campaña e na historia da democracia demostrouse que se o BNG non está presente no Parlamento non está presente Galiza nin Pontevedra. “Ela coñece fondamente as nosas necesidades. Gobernou comigo na cidade moito tempo e é unha persoa que ten Galiza e Pontevedra no corazón e estou convencido de que vai ser unha excelente deputada”, subliñou.

Tamén lembrou que quedan moi poucas horas para a votación pero non está todo feito, polo que chamou a “non deixar que quede na casa ningunha persoa que lle queira a este país e lle queira a Pontevedra e lle queira ao BNG. Se todas esas persoas van votar e convencen amigos, coñecidos, familiares, imos ter uns resultados espléndidos o día 23”, finalizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG