Senado

Carme da Silva: “Comprométome a ser a voz da Galiza no Senado e a defender os intereses dos e da galegas en Madrid”

Miguel Anxo F. Lores e Carme da Silva
Miguel Anxo F. Lores e Carme da Silva

A senadora do BNG abre unha nova etapa dedicando o “100% dos seus esforzos” a impulsar a Axenda Galega e mellorar a vida dos e das galegas

“Esta lexislatura requirirá de moito diálogo e negociación. É importante que Galiza teña capacidade de influencia e presión” asevera da Silva

Carme da Silva, senadora do BNG, focaliza o seu traballo na cámara alta para defender os intereses dos galegos e galegas e impulsar a Axenda Galega. Após renunciar a acta de concelleira en Pontevedra, da Silva decide dedicar o “100% dos seus esforzos” en mellorar a vida dos galegos e galegas no seu labor como senadora, nun contexto onde o diálogo e a negociación serán “prioritarios para que os temas que afectan a Galiza se movan”.

A senadora do BNG anunciou esta semana que deixará a acta como concelleira no Concello de Pontevedra, gobernado polo BNG durante as últimas dúas décadas. Concelleira na oposición e no goberno municipal desde 1995, da Silva decide centrar o seu labor como representante de Galiza nas Cortes Xerais. Impulsora do modelo de cidade de Pontevedra -xunto co resto do equipo do BNG- Carme decide centrar todos os seus esforzos na defensa dos intereses da Galiza nas Cortes Xerais no seu posto como senadora por designación autonómica.

Asume, da Silva, este papel como “un novo reto” e comprométese a traballar incansabelmente para mellorar a vida dos galegos e galegas. “Tómanse decisións moi importantes a centos de quilómetros da Galiza que afectan de maneira directa á cidadanía do noso País e, neste sentido, comprométome a ser a voz da Galiza no Senado e a defender os intereses dos e das galegas en Madrid” avanza.

“Esta lexislatura requirirá de moito diálogo e negociación. E, para iso, é importante dedicarlle o 100% do tempo a que Galiza teña a capacidade de influencia e de presión necesaria para que os temas que nos afectan se movan” sinala a senadora do BNG.

Estar nas Cortes implica “meterlle ritmo e impulso” para que “Galiza sempre estea presente” nos debates que se están a abrir no Estado español: novo sistema de financiamento autonómico e local, modelo territorial, investimento na Galiza, defensa dos dereitos, así como a conquista de novos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG