Xerais 2023

Carme Da Silva chama a pontevedresas e pontevedreses a darlle valor ao seu voto e facerse valer en Madrid

Carme da Silva
Carme da Silva
A cabeza de lista por Pontevedra pasou o día de reflexión na compaña da súa familia logo dun paseo matinal polo río Gafos no que tomou fotografías de paxaros, unha das súas afeccións

A cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, chamou hoxe no día de reflexión a pontevedresas e pontevedreses a darlle valor ao seu voto e facerse valer en Madrid escollendo este 23X unha formación que teña as súas prioridades en Galiza. A nacionalista destacou a importancia de escoller unha papeleta que defenda o país e os seus intereses para deixar atrás a discriminación das forzas centralistas que sempre, lexislatura tras lexislatura, gobernaron en función das ordes das sedes madrileñas en lugar dar resposta ás necesidades galegas.

A candidata comezou a xornada cun paseo pola beira do río Gafos en Pontevedra, preto da súa casa, onde aproveitou para tomar fotografías de paxaros, unha das súas afeccións. Neste caso, conseguiu imaxes dun ferreiriño e da metamorfose dunha libeliña (unha Cordulegaster boltonii), salientando que a presenza desta especie é un bioindicador da auga do río é de boa calidade. “Pasear polo Gafos é unha alegría, unha maravilla, metaformose de libeliña tigre incluída, que é un símbolo do futuro que podemos ter se co noso voto mañá nos facemos valer como país. Animo a todo o mundo a que vote, a que vote con esperanza, con alegría, para que o noso voto sirva para facernos valer como país en Madrid”, destacou.

O resto do día tiña pensado pasalo na compaña da súa familia e descansar despois da intensidade da campaña, que a levou a facer moitos quilómetros pola provincia. Mañá irá a votar ás 10h da mañá ao Centro Social do Gorgullón, acompañada do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, así como da tamén candidata Sabela Bará, e da secretaria xeral de Galiza Nova Marta Gómez, entre outras.  

Pola súa banda, o cabeza de lista ao Senado, Duarte Correa destacou que foi unha campaña electoral intensa e ilusionante na que o Bloque presentou á cidadanía as súas propostas. “Hoxe toca reflexionar e temos a confianza de que mañá galegas e galegos acudirán masivamente á cita electoral levando a idea de que a partires do luns Galiza conte con máis forza na política estatal”, destacou. Correa exercerá mañá o seu dereito ao voto ás 11h na mesa de Oubiña, en Cambados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG