Galegas 2016

A candidata do BNG, Ana Pontón reclama medidas que saquen da crise ao sector lácteo

Ana Pontón cos traballadores da cooperativa Coprago

A nacionalista visitou unha cooperativa de alimentación animal en Valdoviño (Ferrol), onde manifestou que a crise do sector lácteo ten “responsabilidades política” e denunciou o incumprimento das promesas do goberno central e galego nun “fallido acordo do sector lácteo” que non deu solución aos problemas dos gandeiros e gandeiras

Visita á cooperativa de alimentación animal en ValdoviñoA candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón visitou hoxe a cooperativa da fábrica Coprago en Meirás (Valdoviño) acompañada polo alcalde de San Sadurniño e cargos institucionais da comarca na que mantivo un encontro cos traballadores da fábrica de alimentación animal.

Ante os medios de comunicación, a candidata nacionalista manifestou que a grave crise que padece o sector lácteo “ten responsabilidades políticas” e cualificou de “engano” o acordo do goberno do Estado e galego para o sector asinado hai máis dun ano. Neste sentido, lembrou que os labregos e labregas seguen tendo os prezos máis baixos do leite e persiste a súa “indefensión” ante as empresas.

É urxente, dixo, unha solución para o sector lácteo baixo a protagonismo do goberno galego e a esixencia dun marco de dialogo como xa aconteceu no seu momento coa mesa do leite co fin de garantir prezos xustos así como establecer liñas para dimensionar o sector. Pontón insistiu que Galiza necesita un “plan estratéxico” que apoie a creación dun grupo lácteo galego, a transformación do produto e sacar o máximo rendemento ao grande potencial galego no sector para non acabar sendo “meros produtores de leite a prezo low cost”.

A candidata anunciou que a aposta do BNG pasa pola innovación e transformación do sector lácteo no noso país.

O BNG presentase ás eleccións cun proxecto sólido

A preguntas dos xornalistas sobre ás eleccións galegos, a candidata afirmou que o BNG está centrado en escoitar e atender as demandas da cidadanía e ofrecer “un proxecto sólido”. Para nós, xa non son tempos de mirarse para o embigo nin perder o tempo con guerras internas. Eu son candidata á presidencia da Xunta para transmitirlle á xente cales son as nosas propostas e alternativas e por iso nos presentamos e aspiramos a darlle esa alternativa a todos os galegos e galegas. Nós, recalcou a candidata do BNG, imos a por todas e facémolo cun “proxecto alternativo de país e con candidaturas excelentes nas que a xente pode confiar porque temos solvencia, capacidade, proxecto e experiencia de goberno”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG